A brasileira Cárol Fajardo, primeira estranxeira na historia do Asmubal

Pivote de 30 anos e internacional en categorías base, destaca en labores defensivas. Abre un capítulo de fichaxes que completarán unha extremo e unha lateral


vilagarcía / la voz

Cando o mes pasado o Asmubal Meaño aceptaba o ofrecemento dunha praza na División de Honra Prata Feminina por parte da Real Federación Española de Balonmano a directiva que preside Silvia Lobato asumía o reto do regreso ao segundo chanzo da elite cun firme propósito de emenda. Tras unha efémera estrea na categoría inda ben fresca, a entidade do Salnés volve á D.H.P. Feminina con intención de asentar o seu nome nela. E nesta liña se enmarca a fichaxe de quen será a primeira xogadora estranxeira nos 32 anos de historia do Asmubal Meaño, a pivote brasileira Cárol Fajardo. Un fito que abrangue tamén a rama masculina da estrutura de equipos séniores da entidade.

O adestrador do conxunto de Dena, Luis Montes, presenta a chamada a ser unha das pezas principais da engranaxe do seu primeiro proxecto no vestiario de Coirón como una experimentada pivote de 30 anos, internacional nas seleccións de categorías base e universitaria de Brasil, grande -por enriba dos 180 centímetros- e «moi boa defensora, no centro da zaga». Esta, di Montes, será a primeira vez que saia competir fóra do seu país, no que a tempada pasada militou na elite nas filas do San Bernardo do Campo de Sao Paulo. E se ben «a Liga de Brasil non é tan forte como a de aquí, a súa selección feminina está por enriba do nivel de España» máis aló dos resultados de ambas as dúas no último Mundial, apunta o técnico.

A fichaxe de Cárol Fajardo foi posible grazas á excelente relación que Luis Montes mantén coa súa parella, o tamén xogador brasileiro de balonmán Caué Herrera, que o hoxe técnico meañés incorporou ao Teucro de División de Honra Prata masculina o pasado mes de decembro. «Daquela viña de Grecia, só. Este verán renovou no Teucro, e volve coa súa parella, o que nos facilitou a súa fichaxe», explica Montes.

O equipo, practicamente listo

A intención do técnico do Asmubal pasa por reforzar ademais o seu cadro de persoal cunha lateral «con bo lanzamento e un contra un» e cunha extremo dereita que se sumen ás outras quince xogadoras que sairán do equipo que rematou segundo a Liga de Primeira Autonómica e das catro xuvenís que rematan a súa etapa de formación. A elas engadiráselle a contribución da extremo zurda Sabela Miniño, inda con ficha no conxunto xuvenil.

As únicas baixas confirmadas a día de onte no Asmubal son as das grovense Débora Garrido -extremo dereita-, Carla -extremo esquerda- e Ángela -primeira liña-, a primeira por incompatibilidade cos seus estudos e as outras dúas ao non poder compaxinar o deporte de elite cos seus traballos. Ademais, Luis Montes está á espera de coñecer se a primeira liña viguesa Julieta poderá ou non continuar.

Once candidatas a ocupar os catro postos de extremos nun cribado ao inicio da pretempada

Máis aló dos tres casos sinalados, «as xogadoras que acabaron a tempada pasada teñen intención de renovar todas», comenta Luis Montes. O atractivo do regreso á División de Honra Prata Feminina reflíctese no feito da volta ao Asmubal das meañesas Andrea Cores -extremo esquerda- e Vanesa Domínguez -pivote-, dúas xogadoras que non acabaran a pasada tempada co equipo.

Á espera do que aconteza con Julieta, no vestiario de Coirón continuará a primeira liña ao completo, renovadas as locais Victoria Domínguez, Laura Miniño e Iria Padín, as grovenses Lara Castro e Ariadna e a central de Bueu Anabel Otero. A elas sumaráse tras o Nadal a tamén central Raquel Sineiro, que se recupera dunha operación pola rotura do ligamento cruzado do xeonllo esquerdo.

A pivote Sara Estévez, pendente dunha intervención cirúrxica facial, tamén se incorporará ao equipo cando reciba a alta médica. Con Mónica Sineiro e Lorena Ligero ocupando a portería, os plans de Montes pasan por elixir catro extremos entre as 11 que suman o equipo 2019/20 e as xuvenís do club recén licenciadas. Unha criba que fará nos 15 primeiros día dunha pretempada que o técnico quere iniciar o 3 de agosto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A brasileira Cárol Fajardo, primeira estranxeira na historia do Asmubal