O goberno de Meaño aproba o orzamento do 2020 grazas ao apoio do PSOE

La Voz MEAÑO

MEAÑO

MONICA IRAGO

As contas ascenden a 4,1 millóns de euros, a maior cantidade na historia do Concello

01 feb 2020 . Actualizado a las 14:06 h.

Meaño converteuse, xunto a Valga, no concello máis madrugador da comarca á hora de aprobar o orzamento municipal do 2020. O documento someteuse a debate no pleno do venres e saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e do PSOE. Meaño Independente abstívose. Cómpre lembrar que o alcalde, Carlos Vieitez, foi expulsado da disciplina popular e que o goberno local está en minoría, polo que o apoio do grupo socialista resultou crucial neste e noutros temas que se votan en pleno.

O orzamento ascende a 4.119.394,76 euros, o que supón un incremento do 7 % con respecto ao de 2019, «converténdose no orzamento máis elevado da historia de Meaño», segundo subliña o grupo de goberno. Resérvase unha partida de 1.606.227 euros para o capítulo de persoal, 1.465.000 euros para o mantemento dos servizos municipais e 836.847 euros para investimentos reais.

Entre as obras que está previsto acometer este ano figuran intervencións en dous importantes estradas; en Abuín (243.842,59 euros) e en Vilaxuega (157.011,38 euros), nas que se mellorará tanto o estado das cunetas laterais como o firme. As

melloras en camiños chegarán tamén ao vieiro que une Pedreira-Ou Barreiro-Picón e aos camiños de Bouza-Meaño, que contarán cun investimento próximo aos 70.000 euros. Unha cantidade similar empregarase na adquisición dos terreos para construír un edificio multiusos.

Outro dos obxectivos para este mandato é levar o saneamento e o abastecemento de auga a todas as vivendas do municipio, uns traballos que durante este exercicio absorberán ao redor de 30.000 euros. «Estamos satisfeitos do orzamento que elaboramos, moi limitado polos gastos correntes, pero que contempla preto dun millón de euros destinados a facilitar que todas as familias de Meaño teñan un acceso digno as súas vivendas e dispoñan de servizos tan básicos como a rede de sumidoiros ou a auga», di o goberno.