Dous tríos de ases competirán polos títulos da Popular de Meaño

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

Alejandro Fernández, defensor do cetro, buscará mañá o que sería o seu quinto triunfo na proba

07 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, ás once da mañá, 699 aficionados con ganas de facer deporte tomarán as saídas da Carreira Popular Concello de Meaño. Unha cita que chega á súa trixésimo quinta edición máis viva ca nunca, como demostra o nivel de participación da súa proba raíña. A do seu circuito longo, de 6.330 metros e limitado a nados ata o 2005 inclusive, con 416 atletas competindo polos seus podios masculino e feminino. Dous caixóns de honra que, de non ser pola lesión da campioa da edición anterior e madriña da presente, a triatleta venezolana Edymar Brea, podería calcarse este ano.

O ourensán Alejandro Fernández Rivera defende o título masculino. De saír airoso da súa empresa, elevaría a cinco o seu número de vitorias na Carreira Popular Concello de Meaño, logo de impoñerse nas edicións dos anos 2012, 2013, 2015 e a xa mencionada do 2018. O lugués Manuel Huracán Hurtado, subcampión na proba doce meses atrás e vixente campión galego de 5.000 metros lisos en pista ao aire libre, cun crono de 14.35.03 o pasado 20 de xullo, é a principal alternativa a Fernández. O vigués Carlos Porto, terceiro en discordia o ano pasado, tamén se rexistrou na liña de saída de mañá.

En féminas, a ausencia de quen abofé tería pelexado con gusto por volver a gañar por segundo ano consecutivo a Carreira Popular Concello de Meaño, Edymar Brea, atopa na tudense Leticia Fernández o recambio nunha nova terna polo título. A subcampioa de España universitaria no 1.500 únese ás dúas mulleres que acompañaron a Brea no podio da cita saliniense no 2018. Paula Mayobre, cuarta na final do 5.000 no Campionato de España en Pista ao Aire libre e campioa galega de 10 quilómetros en ruta a tempada anterior, buscará escalar un posto no cadro de honra da cita meañesa. Dous no caso de Esther Navarrete, coa viguesa ofrecendo a mellor referencia previa no presente exercicio entre as tres aparentes favoritas galegas ao triunfo na Popular dominical, prata na proba de 5.000 o pasado domingo no Campionato de España Absoluto de Pista ao Aire Libre en La Nucía, cun tempo de 16.03.75.

Ademais do triunfo en si, os 416 atletas inscritos na Carreira Popular Concello de Meaño parten coa motivación de tentar bater os dous rexistros da proba. O masculino, fixado hai case vinte anos, no 2000 por Suso de la Fuente en 18 minutos e 18 segundos. O feminino, en mans desde o 2007 da portuguesa Patricia Pereira con 21.05, informaban onte desde o Grupo de Amigos de Meaño (GAM), colaborador na loxística da carreira, que desde a súa vixésimo sexta edición é organizada polo Concello. Bater calquera dos dous tempos levará aparellado un reloxio Viceroy ao premio do gañador ou gañadora, que coma todos os deportistas que rematen nos diferentes podios meañeses, levarán un trofeo deseñado pola artista Mar Barral en exclusiva para cada edición da Popular.

Ademais da proba de 6.330 metros, son 97 os anotados na carreira de 1.600 metros de mañá, para nados entre o 2006 e o 2011, e 71 no circuito curto, dun quilómetro, para corredores do 2012 a 2014. Os máis cativos (49 inscritos) correrán 100 metros ás 12, e 66 persoas farán a andaina de 3.500 metros que arrincará coas carreiras das once da mañá.