Sabela e Marta suman o seu segundo podio nacional coa prata cadete

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

CEDIDA

As xogadoras de Meaño resultaron claves no brillante Campionato de España asinado por Galicia, que pasou de abrir o torneo na Copa, a pelexar polo gran título

07 ene 2019 . Actualizado a las 20:07 h.

Sabela Miniño e Marta da Silva arrincaron o pasado mércores o seu terceiro Campionato de España de Balonmán de categorías base coa camisola da selección de Galicia, e hoxe regresaban de Valladolid coa súa segunda medalla nacional. A de prata cadete feminina, que recibiron xunto co resto das súas compañeiras de combinado na cerimonia de clausura do torneo, e que suman ao bronce que dous anos atrás, no 2016, se colgaban ao pescozo daquela co equipo infantil galaico.

O conseguido polas dúas meañesas do Asmubal multiplica o seu valor, por canto se trata de dúas xogadoras determinantes na brillante traxectoria de Galicia nun campionato no que só Cataluña, o xigante do balonmán, foi quen de frear en seco o equipo revelación cun inapelable 38-24, na gran final disputada hoxe á mañá. Un partido ao que Galicia chegou arrincando a cita vallisoletana no cadro de competición da Copa; isto é, a segunda categoría nas dúas divisións nas que se reparte o Campionato de España, deixando unha vía de acceso á carreira polo gran título para os mellores entre os que tiveran empezado no cadro copeiro. O combinado galaico derrotou os dous primeiros días a Murcia, 42-16 e 38-14, e no terceiro a Cantabria, 28-18, accedendo así aos cuartos de final do Campionato de España. Despois superou a Euskadi, 26-30, para gañar o domingo o dereito a botarlle o pulso á intratable Cataluña. Tras sosterlle a mirada durante 20 minutos, Galicia veu como o seu rival catalán se ía ao descanso cinco arriba, finiquitando o duelo nos cinco primeiros minutos da reanudación impoñendo a súa superioridade manifesta tanto a nivel técnico, coma físico.

A xogadora do Asmubal Meaño sénior, e adestradora do conxunto cadete feminino do club, a grovense María Fresco, presenciou todo o Campionato de España en calidade de colaboradora da expedición galega en tarefas de prensa. Con coñecemento de causa, Fresco foi contundente: «Marta hizo un Campeonato de 10. Fue la mejor jugadora de Galicia junto a la portera Marián Mera, del Carballal; ellas fueron las claves de que Galicia llegase a la final». No tocante á meañesa, xogadora da primeira liña que ocupou principalmente o lateral dereito, «desequilibrando a todas las defensas rivales en todo momento», conta a súa adestradora no Asmubal. Ata o punto de que os adversarios de Galicia nos cuartos e nas semifinais «hicieron una defensa mixta sobre Marta», salienta.

Titular indiscutible, e acaparando case a totalidade dos minutos de xogo no seu posto, o ascendente de Marta da Silva no combinado dirixido por Abel González e por Ana Costas susténtase na súa capacidade, di María Fresco, «de desequilibrio. Es una jugadora con una finta increíble, e imparable. Y va para adentro sin miedo, no se achanta ante nada», ao que engade o seu liderado sobre o colectivo: «Cuando el equipo está atascado, tira de él para adelante».

Sabela Miniño copou arredor do 70 % dos minutos do extremo dereito de Galicia no Nacional de Valladolid, informa María Fresco. Demostrando ser «un seguro de vida desde la esquina, con un lanzamiento muy definido», co que se erixíu na máxima goleadora do subcampión con 38 goles. Dous anos atrás, a zurda meañesa fora elixida pola revista especializada Balonmano con V como mellor extremo dereito do Campionato de España Infantil Feminino que Galicia rematou terceira no podio.

Formadas desde os seus inicios no balonmán no Asmubal Meaño, Sabela e Marta compaxinan os equipos de División de Honra cadete e xuvenil no seu club, sendo xa pezas principais do conxunto da categoría á que subirán por idade inda a vindeira tempada.