O equipo sofá-cama que gozará do soño dun Campionato de España

O Asmubal métese no Nacional Xuvenil coa metade do plantel dobrando no cadro cadete e o resto no sénior de División de Honra Prata Feminina


Mediados de marzo. Cunha primeira volta pragada de derrotas, e coa súa pivote titular, Sara, lesionada de longa duración nun encontro sénior de División de Honra Prata Feminina, o Asmubal xuvenil chegaba aos seus tres derradeiros partidos da segunda fase da Liga de D.H. Galega dando por feito que o tren do Campionato de España de Clubs xa pasara de longo pola estación meañesa. Por diante, tres duelos en nove días chamados a servirlles a Víctor Garrido e as súas pupilas de rodaxe de cara á vindeira tempada diante dos tres primeiros clasificados. Pero hete que o cadro do Salnés conseguía solventar con éxito os dous compromisos aprazados no seu día por mor da condensación no pavillón de Coirón. Dobregando o líder e campión galego, o Carballal, e o o subcampión, Porriño. O Asmubal perdía na derradeira xornada na cancha do Cangas. Era o adeus ao subcampionato autonómico, pero tamén o ola ao Campionato de España, unha vez confirmado que Galicia contaría con tres representantes na gran cita. Por segunda vez na súa historia, o club meañés figuraba entre os 32 mellores equipos do Estado ao termo da tempada.

O 13, 14 e 15 de abril, en San Sebastián de los Reyes, o cadro de Víctor Garrido mediráse ao subcampión da División de Honra de Cataluña, o Handbol Sant Quirze, o cuarto da de Andalucía, o Academia Óptica Málaga Norte, e o conxunto anfitrión, un BM Sanse que ademais de campión madrileño, conta nas súas filas con dúas internacionais xuvenís con España, con catro balonmanistas copartícipes do vixente título de campioa nacional de seleccións autonómicas de Madrid, e cunha xeración que hai dous anos se facía co título cadete estatal de clubs. Obrigado a rematar primeiro para pasar á fase final do Campionato de España xunto cos campións dos outros sete sectores, o adestrador do Asmubal comenta que «no sorteo tocounos un grupo moi, moi difícil». Claro que o éxito está xa asegurado para o conxunto do Salnés.

«Meternos no Nacional é un novo éxito para o club», subliña Garrido, tras a participación do Asmubal cadete feminino na edición 2014/2015 da súa categoría. Máis aló da modesta dimensión do Asmubal, o técnico meañés salienta o valor do feito polas súas pupilas. Cun plantel curto, de tan só catorce efectivos, que chega ao epílogo dunha tempada multiplicada por dúas para a maioría delas. Coa metade do equipo formado por xogadoras cadetes que inda hoxe seguen pelexando por clasificar o Asmubal da súa categoría no seu correspondente Campionato de España, e a outra metade por xuvenís na súa maioría integrantes tamén do plantel co que o Asmubal debutaba na División de Honra Prata Feminina, a segunda categoría sénior española. Dúas metades reunidas nun estirado sofá-cama quen de facerlle vivir ao seu club o soño dunha nova gran cita estatal.

Unha fichaxe en diferido e a inscrición dunha lesionada para non quedar fóra

O Asmubal gañou nas pistas a súa presenza no Campionato de España. Pero de nada tería valido o esforzo e o bo facer das súas xogadoras e corpo técnico de non saldar con éxito tamén o partido que durante dous meses mantivo nos despachos da Federación Galega de Balonmán para poder incorporar a primeira liña María Álvarez.

Á volta do Campionato de España por Autonomías, a un mes da conclusión do prazo de fichaxes, o Asmubal quixo incorporar a xogadora do Seis do Nadal. Pero non foi ata hai un par de semanas, xusto antes da derradeira xornada de Liga, que a FGB lle deu o o.k. tras recurrir o Asmubal o non federativo inicial pola norma que impide que unha balonmanista poida militar en dous clubs da mesma Liga a mesma campaña -o Seis do Nadal xogou a metade do curso en Segunda-. A fichaxe de Álvarez, e a inclusión da lesionada Sara resultaron indispensables para chegar ás 12 xogadoras que a normativa esixe mínimo para poder xogar o Campionato de España; unha normativa que impide que as tres cadetes de primeiro ano do Asmubal o disputen.

Media ducia de balonmanistas repetirán experiencia tres anos despois

A metade das doce xogadoras do Asmubal Meaño que poderán competir no Campionato de España Xuvenil de Clubs xa saben o que é disputar unha cita deste nivel. Seis delas formaban parte daquel conxunto cadete que no 2015 facía historia no club, inscribindo o seu nome por vez primeira entre os 32 mellores equipos da tempada a nivel estatal nunha categoría de balonmán base.

Catro xuvenís de segundo ano, Raquel Sineiro (primeira liña), Cecilia Lores e Andrea Cores (extremos) e Sara Estévez (pivote), e as de primeiro ano Victoria Domínguez (primeira liña) e Vanesa Domínguez (pivote) viviron unha experiencia única en Euskadi. Co único pero de non ter podido rematar o seu sector cun triunfo co que coquetearon tras perder por entre 1 e 2 goles os seus duelos co anfitrión Aiala Zarautz, co cántabro Pereda e co canario Taiche San José.

Con Sara lesionada, Garrido competirá de facto en San Sebastián de los Reyes cun plantel de once xogadoras, catro xuvenís de segundo ano, tres de primeiro e catro cadetes de segundo ano.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O equipo sofá-cama que gozará do soño dun Campionato de España