O Asmubal morre na beira tras unha frouxa primeira parte en Camargo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

cedida

O exceso de relaxación das pupilas de Víctor Garrido pasoulles factura, co seu anfitrión exprimindo o xogo de contragolpe ante o mal balance ataque-defensa visitante

06 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os partidos de balonmán duran 60 minutos. Unha hora que pode dar para moito. Ata para pensar en darlle a volta á tortilla, e saír vitorioso dun duelo con moi mala pinta a metade de camiño. O Asmubal Meaño entregouse á causa na segunda metade da súa visita dominical ao Camargo 74 Propenor, e a piques estivo de sacar algo positivo; mais acabou perdendo 32-30 no seu encontro da xornada 22 da División de Honra Prata Feminina.

O exceso de relaxación das pupilas de Víctor Garrido pasoulles factura, co seu anfitrión exprimindo o xogo de contragolpe ante o mal balance ataque-defensa visitante. Ao descanso, 16-13.

A cousa foi a peor antes de mellorar. Cunha máxima desvantaxe meañesa de cinco tantos. Pero o crecemento ofensivo do Asmubal permitíulle poñerse por diante a falta de cinco minutos para a conclusión, 26-27.

Feito o máis difícil, dúas exclusións caeron coma unha bomba no xogo do cadro galego. Máis a segunda de Andrea, saldada cun 2-0 en contra de parcial, que a primeira de Laura. Con todo, un gol de Raquel a falta de 26 segundos fixo pensar na posibilidade de sacar un punto de Camargo. Gema Martín, con só 5 segundos por consumir, matou as ansias do Asmubal tras quince segundos de defensa individual a toda cancha tentando recuperar o balón.

Afortunadamente para o Asmubal, o B.M. Palencia Turismo tamén saldou con derrota o seu último compromiso ligueiro, 28-25 co que será o vindeiro rival meañés, o Gijón. O Asmubal continúa así antepenúltimo con 10 puntos, polos 9 do Palencia, penúltimo en zona de descenso.