O Asmubal sae da zona de descenso cun triunfo sobre o La Cistérniga

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

As de Víctor Garrido souberon superar a reacción intermedia do seu rival para gañar 38-33

27 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O optimismo regresaba o pasado sábado ao vestiario do Asmubal Meaño tras a vitoria do conxunto dirixido por Víctor Garrido sobre o Hand Vall La Cistérniga, 38-33. Un resultado que, unido á derrota do Palencia, 20-22 co Camargo, saca o cadro do Salnés da zona de descenso con 10 puntos, 1 máis có seu principal rival por evitar o descenso da División de Honra Prata Feminina.

Unha boa saída do Asmubal cun parcial de 3-0 deulle o control do marcador ata o minuto 18, cando o seu rival, cun parcial de 0-6, se poñía 10-16. Mais un tempo morto do adestrador local, e o cambio da súa defensa de 6-0 a 5-1 freou a marcha do La Cistérniga, chegándose ao descanso 18-19.

O cadro castelán-leonés foise de tres no arrinque da segunda parte. Pero o incremento da intensidade defensiva do Asmubal e o acerto da súa porteira permitíronlle empatar a 30 mediado o período. As de Garrido souberon manexar despois unha inferioridade 3-1, recibindo tan só tres goles no último cuarto de hora.