Duro golpe para as aspiracións de permanencia do Asmubal

MEAÑO

MONICA IRAGO

O técnico do cadro meañés confésase «moi decepcionado comigo e coas xogadoras» tras a derrota co Coia, que os deixa en descenso a media Liga

12 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Partido nefasto. Tanto a nivel ofensivo coma defensivo. Chamémoslle X, pero non xogamos ao balonmán o domingo. Moi decepcionado comigo, e coas xogadoras». Con demoledora contundencia se manifestaba onte o adestrador do Asmubal Meaño, Víctor Garrido, ante a derrota que o seu equipo sufría na mañá do pasado domingo no Novo Monte da Vila do Grove a mans do Magope Seis do Nadal Coia, 30-35. Un serio revés, por canto estamos a falar do pechacancelas da División de Honra Prata Feminina, que ata a súa visita ao cadro arousán tan só fora quen de sumar 3 puntos nas doce primeiras xornadas da Liga.

«A nivel defensivo non soubemos facer os cambios a distintas alturas, non soubemos defender os uns contra uns. A intensidade foi cero, tanto cando defendimos en 6-0 como en 5-1». Pero é que, critica Víctor Garrido, «a nivel ofensivo pecamos dun exceso de bote, de un contra un, e de pouca mobilidade». E se ben lle concece ao Seis do Nadal o feito de que «xogou un bo partido», o preparador meañés quédase con que «o noso foi lamentable».

 

Fallando no mes crucial

Víctor Garrido lembraba onte que o último mes da primeira volta, o que arrincaba o 18 de novembro en Coirón fronte ao Lanzaronte Zonzamas, hoxe cuarto clasificado pola cola, «era un mes moi importante para nós. Tiñamos tres partidos vitais, os tres na casa, e levamos perdidos os dous que xa xogamos». Así as cousas, di, «non nos queda outra que gañarlle este sábado ao Siero», noveno con 10 puntos, 4 máis ca un Asmubal Meaño que vén de chegar ao ecuador da súa primeira participación na División de Honra Prata Feminina penúltimo na táboa. Ocupando un dos dous postos de descenso directo. Iso si, como lembraba onte o seu responsable técnico, mantendo a tiro o Palencia Turismo, duodécimo e antepenúltimo cun só punto máis có Asmubal, e tamén o Lanzarote Zonzamas e o Cíes Obra Civil-B.M. Chapela, ambos con 8 puntos.

O certo é que a delicada situación na que se atopa hoxe o conxunto adestrado por Víctor Garrido contrasta co seu excepcional arrinque, impropio dun debutante na categoría como o Asmubal Meaño, que nas catro primeiras xornadas de Liga xa sumaba 4 puntos. Os dous da súa estrea triunfal, na cancha asturiana do Siero, 23-27, e tras encaixar a lóxica goleada dun dos históricos do balonmán feminino español e firme candidato ao ascenso, o CLEBA León, 20-35, cadanseu empates co Palencia Turismo, 39-39 a domicilio, e fronte ao Cíes Obra Civil-B.M. Chapela, 26-26.

 

Oito derrotas en nove xornadas

O triunfo o 4 de novembro 28-24 sobre o Camargo 74 Propenor, conxunto da zona media da clasificación, foi a única alegría nas nove xornadas seguintes, nas que o Asmubal experimentou dúas series de catro derrotas encadeadas.