Contundente derrota do Asmubal Meaño co potente Oviedo B.M. Femenino

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

O Asmubal aparece agora décimo na clasificación da División de Honra Prata Feminina con 4 puntos de 10 posibles

10 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Do mesmo xeito que dúas semanas atrás fronte ao histórico do balonmán feminino español, o CLEBA, o Asmubal Rasoeiro caía o pasado sábado no Pavillón Municipal de Coirón con contundencia ante outro dos candidatos a pelexar polo ascenso á máxima categoría, o Oviedo B.M. Femenino. O marcador final, 23-38, non deixa lugar á dúbida.

Pouco máis de dez minutos aguantaron as pupilas de Víctor Garrido (3-6), practicamente dobradas no electrónico ao chegar ao descanso: 11-20. Algo que xa padecían aos cinco minutos da reanudación, cun 12-24 que facía innecesario o resto do encontro. Laura Miniño, con 5 tantos, foi a máxima goleadora meañesa.

O Asmubal aparece agora décimo na clasificación da División de Honra Prata Feminina con 4 puntos de 10 posibles. Esta semana non xogará, ao solicitar o club arousán o aprazamento da súa viaxe á cancha do líder, o Lanzarote Puerto del Carmen, para evitar o sobrecuste de voar na ponte do Pilar á illa canaria.

O que si xogou foi o cadro sénior masculino do Asmubal, que perdeu 24-23 co Tui o seu segundo partido da fase de grupos da Copa de Segunda Galega.

Aprazamento do Rasoeiro

En clave de aprazamento se situou tamén o Rasoeiro da Primeira Estatal masculina, que acordou pasar a súa visita da pasada fin de semana ao Luceros de Cangas a este xoves pola voda dun dos seus xogadores. O sénior feminino do Rasu estreou o seu casilleiro de triunfos na Liga de Primeira Galega cun 29-24 sobre o Atlético Guardés.