Novos mestres para traballos doutros tempos

Rosa Estévez
rosa estévez MEAÑO / LA VOZ

MEAÑO

MONICA IRAGO

Mediron as súas forzas con auténticos expertos niso de sacar os grans das espigas e de montar e desmontar bocois. E gañaron. Eduardo e Óscar son os vixías duns oficios desterrados pola modernidade

28 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Por anos, nin o un nin o outro pertencen a aqueles vellos tempos nos que, no agro galego, todo se facía a man. A aquela época na que cada casa tendía a ser autosuficiente, a atesourar unha serie de coñecementos prácticos que, animados pola necesidade, lles permitían facer todo tipo de traballos da forma máis eficaz, menos custosa. Aínda que aquel era o mundo dos seus avós, quizais tamén dos seus pais, e non o seu, Eduardo e Óscar parecen estar acostumados a dar de cando en vez un paseo polos oficios do pasado. O luns, en Meaño, proclamáronse campións dos concursos de debullar millo e de fondar toneis que se celebran, dende hai uns años, no marco da festa do Viño de Autor.

Eduardo Viñas é o campión das espigas. Ven dunha familia de panadeiros e recorda, vagamente, como de pequeno «lle botaba unha man ás xornaleiras que viñan traballar á casa» a preparar o millo para alimentar aos animais. Dende aquela, nunca lle cadrara volver coller unha mazorca na man. Ata que hai uns años, alguén lle falou do concurso da festa do Viño de Autor. «E dende aquela, participo sempre». Unhas veces gañou e outras perdeu. Este ano fíxose coa medalla de ouro nunha final moi axustada. Unha espiga, relata, marcou a diferenza entre el e a segunda clasificada, unha muller «con máis experiencia ca min nesto de debullar».

O debullador máis rápido de Meaño nunca se lle pasou pola cabeza participar no outro concurso etnográfico que se celebra ao amparo da feira do viño: o de fondar barriles. «Na miña casa, as únicas viñas que temos son as do apelido», di botando un riso. Na casa de Óscar Meis, pola súa banda, o cultivo da vida convive con outro tipo de traballos agrarios polos que este rapaz de 17 anos transita encantado. «Agora no verán, por exemplo, boto unha man na casa porque hai moito que facer, tanto nos viñedos como nas leiras».

Óscar está acostumado a aproveitar ben o tempo. Acaba de rematar a ESO e vai a polo Bacharelato científico e tecnolóxico. Ademais, cursa estudos no conservatorio de música de Pontevedra e toca o trombón na banda de música de Meaño. De maior, di con esa timidez propia de quen fala dos seus grandes plans, aspira a ser músico ou enxeñeiro informático.

Escolla o camiño que escolla, ten claro que non quere esquecer de onde ben. As súas raíces están ben agarradas ao fértil chan de Meaño, e iso nótese no interese que sempre suscitaron neste rapaz os traballos e as historias de calquera tempo pasado. Por iso, cando con trece anos lle preguntaron se quería aprender a fondar toneis non o dubidou e púxose a elo. «Era un traballo que antes se facía moito nas casas, pero cando chegou o aluminio ás adegas, empezou a perderse e agora bocois de madeira non se ven moitos», relata. «Pero eu sempre vira facer ese traballo na casa e tiña curiosidade». Así que aprendeu, e dende hai un par de anos participa na festa. Este ano fíxose co ouro despois de cumprir co seu traballo de fondar o barril e colocarlle os aros en tan só oito minutos. «Meu pai estaba alí durante a proba, e algún consello me daba», comenta.

Os dous protagonistas desta historia repetirán o ano que ven nos campionatos que se celebran durante a festa do Viño de Autor de Meaño. «Este tipo de actos penso que son moi bos, porque son traballos que xa non se fan e que, doutro xeito, perderíanse», din uns mozos dispostos a botar unha man á hora de manter viva a memoria dun pobo rural e agrario. E se para iso hai que debullar espigas a toda velocidade, sen romper o carozo e sen deixar un gran, debúllase. E se hai que montar un barril en cuestión de minutos, móntase. E se todo iso se fai, ademais, nunha festa que reivindica os viños de autor, os albariños máis artesanais de todos, perfecto. Así que o ano que ven, en Meaño, volvermos ver aos novos campións dos máis vellos oficios.