Dos peliqueiros aos xenerais, o entroido galego pasa por Meaño

Alumnos e profesores congregan os personaxes de Laza, Xinzo, Mazaricos, Chantada, Salcedo e da Ulla no seu festival


meaño / la voz

Para coñecer e vivir boa parte das tradicións do entroido galego non é preciso ir moi lonxe. O patio do colexio As Covas, de Meaño, é o lugar perfecto para correr diante dun peliqueiro, escapar dunha pantalla ou tirar das cintas do volante de Chantada. Porque os profesores deste centro levan xa anos explicándolles aos seus alumnos como se vive o entroido noutras zonas da comunidade. E como non querían que todo quedara en palabras, elaboraron cada curso unha máscara diferente. Estas se encargan agora de animar os recreos na semana do entroido. Onte incorporaron unha máis a súa colección: os xenerais da Ulla. Como manda a tradición, subidos a cabalo cantaron os seus vivas e protagonizaron un combate dialéctico.

Alumnos e profesores quixeron compartir a súa festa con todos os interesados, por iso a trasladaron á praza do Concello, a onde chegaron andando e presumindo de disfraces. Porque cada curso lucía un traxe diferente, aínda que todos estaban relacionados con Telecoviña, o proxecto no que o centro leva todo o curso traballando. Así que había cámaras e reporteiros de televisión, e incluso dous presentadores que dirixiron o acto. Tamén, debuxos animados, anuncios, vídeos de Youtube e ata os países participantes en Eurovisión. Pouco a pouco, todos foron tomando asento.

Comezou entón o desfile de personaxes. Dende Laza chegou o peliqueiro, facendo soar os seus chocos. Seguiulle a pantalla, que chocaba sen cesar dúas vexigas de vaca. O boteiro de Mazaricos tamén pasou por alí, xusto antes de que saíra o volante de Chantada presumindo dunha longa cola de colores. Menos vistoso era o oso de Salcedo, que manchou de cinza a todo o que se lle puxo por diante. E no último lugar chegou a máscara que se estrea este ano, a dos xenerais da Ulla.

Foron dous alumnos do centro os que, subidos a cabalo e ataviados co uniforme oficial, empezaron a cantar os vivas. «Vivan os profesores do colexio de Meaño, que nos van quitar os exámes e os van sustituir por excursións», empezou un deles. «Viva Manolo o de Monbús, que sempre nos leva de excursión», respondeulle o outro. Houbo vivas para os profesores, para os alumnos, para a asociación de pais e para a familia Viñas García, que foi a que prestou os cabalos. E entón chegou o momento do combate. Aos pequenos non lle tremeu a voz para enfrontarse aos seus rivais. Criticaron a súa ignoracia, «mentres que eu miro documentais, ti miras a Mister Bean», e ata a súa vestimenta, «as plumas do teu sombreiro roubachellas a unha galiña». E así, con risas e bo humor, chegou o fin da festa, que os rapaces quixeron rematar cantando as súas propias coplas de entroido.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Dos peliqueiros aos xenerais, o entroido galego pasa por Meaño