O Dena, un innovador reiventado para facer o camiño de volta á Primeira División

vilagarcía / la voz

MEAÑO

O equipo das Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra é un dos primeiros en pasar as funcións técnicas do delegado a un adestrador específico

11 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Leva dous anos coma delegado xunto con Iván Lima, pero as contas de Matías Falcón falan dun Dena Veteranos con case tres décadas de vida. Amplo relato historia dun dos históricos do balompé veterán de Arousa, que tras a décima xornada das Ligas de Pontevedra avanza segundo no Grupo 3.ºA. A 2 puntos do outro equipo co que a pasada primavera quedara ás portas do ascenso, o La Verga.

O salto de categoría ao termo da presente tempada é o obxectivo recoñecido polos responsables do Dena. E o regreso á Primeira División nun prazo sen definir, o reto a medio ou longo prazo. Con esa idea colleron Matías e Iván o equipo hai dous anos, relevando ao grupo de afeccionados que levaba as rendas do club desde había tanto tempo. Fixérono con ánimo de cambio profundo. Nun plantel con 24 futbolistas, só catro acumulan unha ampla experiencia no Dena. Un equipo nacido no seu día exclusivamente con xente da parroquia, lembraba onte Matías, e que con casos contados, mantén o espírito. Máxime, cando na mesma competición ten coma rival o Meaño.

Un alcalde e un Segunda B

A época dourada do Dena, sinala Falcón, quedou na primeira década do século. Con todo un alcalde, o finado Jorge Domínguez, nas súas filas. E tamén algún ilustre do balompé arousán como Jesús Padín Grande, Suso, defensa daquel controvertido Juventud Cambados que disfrutou da experiencia única de competir na Segunda División B.

Jacobo, Javier, Reino e o propio Suso contribúen coa súa dilatada traxectoria a consolidar un plantel cunha media máis próxima a trintena que aos seus 40.

Para facer funcionar o Dena Matías Falcón e Iván Lima cederon a única parcela do equipo que non se botaron enriba. E é que no que inda resulta toda unha innovación nas Ligas de Fútbol Veterán de Pontevedra, nas que soen ser os propios delegados os que fan a as aliñacións e os trocos, no Dena fichouse a Chas como adestrador específico. Un home cos seus bos 50 anos e experiencia no seu día como xogador de Terceira División en equipos como o Estradense ou o Xil. Unha medida coa que ademais do plus técnico, explica Matías, pretenden evitar os «problemas que sempre hai cando é o delegado/xogador o que cambia os compañeiros».