Silvia Gago, Raúl Fernández e Pedro Torrado volven do Europeo con cadanseu bronces no C2 500
CATOIRA
A grovense Valeria Oliveira fíxose coa prata no C4 500 Sub-23 mixto
29 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O piragüismo arousán volveu brillar a nivel internacional a pasada fin de semana, con tres medallas no Campionato de Europa Júnior e Sub-23 disputado na localidade húngara de Szeged. E como a comezos de mes no Europeo de Halifax (Canadá), da man dos mesmos tres padexeiros, Silvia Gago, Raúl Fernández e Pedro Torrado, aos que desta volta se lles sumou a grovense Valeria Oliveira.
Fernández e Torrado, compañeiros no Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, repetiron a súa actuación como parella en Halifax —o catoirense Fernández fora ademais campión do C1 200 en Canadá—, colgándose outro bronce no C2 500 Sub-23, barco do programa olímpico.
Mesma medalla en idéntico barco e distancia, pero da categoría Júnior, foi a conquistada por Silvia Gago. A canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia fixo desta volta dúo con Lucía Pizarro. Gago asinou ademais o sexto posto na final do C1 500.
Pola súa banda, a grovense Valeria Oliveira celebrou a medalla de prata no C4 500 Sub-23 mixto, nunha embarcación na que formou equipo con Daniel Ros, con Ana Cantero e con David Olivares.
Ademais dos catro padexeiros comentados, a cambadesa Sofía Parada completou a súa participación no Europeo de Szeged gañando a final B do K1 200 Júnior feminino. Fíxoo cun tempo de 47,900 segundos.