O Concello de Catoira realizará un investimento de 77.000 euros para mellorar o paseo fluvial, unha actuación que dá continuidade á rehabilitación e posta en valor do itinerario ao longo dos seus 1.600 metros de lonxitude. O alcalde Xoán Castaño (BNG) explica que esta nova achega súmase aos 170.000 euros xa investidos neste mandato, grazas aos que se acometeu unha reforma xeral, renovando estruturas e madeiras, así como realizando melloras na accesibilidade.
Castaño apunta que as actuacións deste ano permitirán seguir avanzando no mantemento dun espazo moi empregado pola veciñanza e polos visitantes. Vaise levar a cabo a mellora da ponte sobre o río Catoira que une a avenida coa zona do Muíño de Moure e outros traballos de mantemento xenéricos, fundamentalmente de substitucións de madeiras en mal estado.
Castaño conseguiu o compromiso de ADIF de construír unha pasarela peonil elevada para unir a avenida Eloy Domínguez co itinerario peonil de madeira á altura de STAC. Castaño subliña que o paso a nivel existente foi pechado por ADIF debido á súa perigosidade unha vez que rematou as obras de acceso polo paseo Rei Romero, obtendo o actual goberno local un compromiso de que o administrador de infraestruturas ferroviarias creará a nova conexión elevada tan pronto como sexa posible.