A foliada «Malo será» ríndelle homenaxe a un dos seus pais

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Alfredo Romero era un fiel asistente á festa do Galeón Vikingo.
Alfredo Romero era un fiel asistente á festa do Galeón Vikingo.

Alfredo Romero morreu hai uns meses; mañá o seu recordo marcará unha festa á que acudía sempre armado co seu bombo

29 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O son dunha gaita pode vestir un pobo enteiro de festa. É certo. Se poñemos esa frase do revés, tamén é certa: o son dunha gaita pode encher un pobo enteiro de pena, de tristura. En Catoira, mañá sábado, o son das gaitas —e das pandeiretas, e dos bombos— farán as dúas cousas ao mesmo tempo. A música deses instrumentos todos servirá para animar a noitiña a todas aquelas persoas que se animen a participar na foliada Malo Será que dende hai uns anos se celebra no Galeón Vikingo. Este ano, a festa ten un carácter especial: vai adicada. A foliada será unha homenaxe a Alfredo Romero, un dos seus moitos pais. «Alfredo morreu hai uns meses e este ano, cando empezamos cos preprarativos da foliada, pensamos que habería que adicarlla, porque el nunca fallaba».

Fala Fernando Rial, o resposnable do Galeón Vikingo e bo amigo do falecido. «Hai anos foi el un dos que me deu a idea de facer unha foliada no local». E cada vez que chegaba o día da festa do Malo Será, el era sempre un dos primeiros en chegar. «Sempre lle gustara a música tradicional, sempre ía alí onde había gaitas, pero non empezou a tocar o bombo ata que xa era bastante maior. Dende que aprendeu xa non parou. Sempre viña co bombo e metíase a acompañar a todo o mundo, dáballe igual de onde fose o grupo».

O ano pasado, cando o seu amigo faleceu, Fernando non estaba en Catoira e non puido despedilo como lle tería gustado. «É tamén por iso quixemos dedicarlle esta festa». Comenzará esta ás oito e media da tarde. A partir desa hora, todos os grupos ou persoas que queiran sumarse á foliada non terán máis que achegarse a este local de Catoira cos seus instrumentos e facelos sonar. «Aquí non hai orde de inscripción nen nada; a xente vai chegando e toca cando quere», explica Fernando Rial.

Este encontro de música tradicional, ao que se achegan grupos de Catoira, de Rianxo, de Vilagarcía ou de Caldas, foi bautizado como «Malo será» porque «cando decidín facelo a primeira vez non tiña nin idea de se ía funcionar, e todo mundo me dicía ‘malo será que non se xunten algúns grupos'... E quedoulle así», explica o hostaleiro catoirense. O malo será cumpriuse: dende o primeiro ano, a participación neste evento foi alta. Un dos grupos máis fieis á cita son os Aires do Río Vello, un grupo de Rianxo do que formaba parte Alfredo. «Alfredo, de feito, é de Rianxo, pero topou o amor aquí e pasou en Catoira toda a vida», recorda o seu amigo. Na vila viquinga botou raíces e fixo amizades. Tantas e tan firmes, que no Galeón Vikingo están convencidos de que serán moitas as persoas que se reunirán para tocar e cantar na súa honra. E para facelo nese ambiente de festa e alegría no que non hai máis regras que as que emanan do respecto polas demais persoas.