O Concello quere seguir ampliando os servizos que chegan ás parroquias
23 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Catoira vai incrementar as actividades para maiores que se realizan nas parroquias de Dimo, Abalo e Oeste. Así o vén de anunciar o alcalde Xoán Castaño (BNG), quen subliñou que este aumento das sesións de envellecemento activo non suporá ningún custe extra para as persoas participantes.
Segundo explica o rexedor, o goberno estudou a posibilidade de incrementar este servizo dada a súa boa acollida, tendo en conta que había unha importante demanda por parte da veciñanza. «As parroquias merecían esta ampliación», subliña Castaño, que lembra que o Concello está a traballar duro para garantir servizos á poboación en todo o concello, independentemente onde viva. Destaca que o goberno local fixo «un grande investimento» na mellora dos centros sociais, que foron renovados neste mandato reformando as instalacións e, en concreto, as condicións de climatización para poder acoller calquera tipo de actividade independentemente das condicións metereolóxicas.
Nestes momentos, as actividades nas parroquias realízanse unha ou dúas veces por semana, cun día fixo e os xoves e venres alternando as tres parroquias de maneira sucesiva. Grazas ao aumento aprobado, e a falta de concretar como se organizarán as quendas, pasarán a ter tres semanas de tres días cada unha e unha semana de dous días.
Castaño apunta que este incremento dos días para a xente das parroquias é posible sen ningún custo extra. Subliña que foi este goberno quen levou estas actividades que agora quere aumentar ás parroquias do Concello.
O alcalde explica que o goberno local está a decidir cando implantar a mellora, dado que normalmente durante as vacacións baixa o número de persoas usuarias que participan.
«Estas actividades axudan á calidade de vida da veciñanza», subliña Castaño que engade que, ademais, alén do beneficio das actividades de envellecemento activo para a saúde das propias persoas usuarias, tanto a nivel de actividade física como cognitiva, en moitos casos a asistencia das e dos maiores durante varias horas ao día supón un alivio de conciliación para as familias.