Catoira viaxa a 1932 cunha obra de teatro que recorda o mitin de Castelao na vila

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Castelao, durante un discurso en Arxentina.
Castelao, durante un discurso en Arxentina. ARCHIVO ASOCIACIÓN AVELINO DÍAZ

A peza representarase o domingo, ás cinco da tarde, nas inmediacións do cruceiro da Baiuca a cargo das Brigadas Teatrais

23 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1932, Castelao visitou Catoira. Non debía resultarlle esta unha terra descoñecida a aquel home delgado e con lentes que nacera en Rianxo e que encarnou, durante os anos trinta, a loita pola autonomía de Galicia. Precisamente da autonomía veu falar a Catoira, onde a súa voz estivo acompañada pola de la Fernández del Riego e Plácido Castro. Canda eles, Alejandro Pérez, un dirixente local que «sementou o xérmolo do galeguismo no municipio». Daquel encontro, ocorrido en novembro de 1932, fala Se pasas pola Baiuca, unha representación teatral que as Brigadas Teatrais de Catoira van por en escena este domingo, ás cinco da tarde, no cruceiro da Baiuca.

Este acto organízase para dar cumprimento a unha moción aprobada polo pleno «para impulsar unha programación municipal especial coincidindo coa data da estancia de Castelao en Catoira dentro do marco do Ano Castelao». «O discurso de Castelao na nosa vila produciuse nun momento chave na defensa dos intereses do noso país. Lembrar ese evento é poñer de manifesto a relevancia da súa figura, que nos empoderou como pobo naquel momento, e que tamén é inspiración para a actividade política actual», apunta o rexedor, Xoán Castaño (BNG).

Os xornais recolleron daquela o evento, destacando o entusiasmo que espertaron as verbas do escritor de Rianxo entre os labregos que o escoitaban. Citaban as crónicas o momento no que sinalou que a autonomía non era un fin, senón un medio co que loitar para conseguir unha mellora material e espiritual do pobo. A montaxe teatral deste domingo reflectirá a historia daquel mitin, poñendo o foco na figura de Alejandro Pérez, «unha persoa moi comprometida co país no seu tempo». De feito, a historia do mitin serve como desculpa para poñer baixo o foco outro aspecto aínda pouco coñecido da historia da vila: o da represión franquista da que foi vítima, entre outras moitas persoas, o propio Alejandro Pérez.