Catoira establece unha taxa para o servizo do Madruga que comeza o mércores

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

Empeza con 32 rapaces e pendente dei incorporar melloras

09 sep 2024 . Actualizado a las 18:33 h.

O Concello de Catoira comezará este mércores, coincidindo co inicio do curso escolar, o servizo municipal «Madruga Catoira» para atender aos nenos nas horas previas á súa entrada no colexio e así facilitar a conciliación das familias nas que as e os adultos comezan antes o seu horario laboral. Están xa matriculados 32 rapaces.

Co fin de dar a coñecer o servizo, o goberno local reuniuse o pasado venres coas familias, ás que informou de que nesta anualidade se aplicará unha taxa para facer fronte ao custe, tal como establece a Ordenanza de Prezos Públicos. «As familias entenderon a necesidade de colaborar para o pago do persoal especializado que atende á rapazada entre as 7.30 e as 9.30 da mañá», segundo informa o Concello.

Dende o goberno local estudarase a posibilidade de diferentes melloras, entre elas que as e os rapaces poidan tomar o seu almorzo levado da casa nas instalacións do colexio. «Que o persoal quente leites ou faga almorzos é inviable, pero se os almorzos saudables (bocadillos, froitas ou bebibles) veñen da casa e os toman, e só se lles axuda a recoller, é posible. Entendemos que é positivo porque así evitamos que as nenas e nenos teñan que madrugar aínda máis para tomar todo na casa», sinalou o alcalde Xan Castaño.

Outra das melloras que se vai analizar é ampliar o servizo durante as vacacións (Nadal, Entroido ou Semana Santa). O Madruga de Catoira pódese contratar mensualmente ou a través dun bono de dez usos puntuais que pode utilizarse durante todo o curso.