Unha feira medieval e moita música envolven a chegada do desembarco viquingo

RAQUEL COCAÑO / P.P. CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Fillas de Casandra, una de las actuaciones centrales de la Romaría Vikinga
Fillas de Casandra, una de las actuaciones centrales de la Romaría Vikinga ELISA PIÑON

Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre abren o VikingMusic, un dos pratos fortes do programa da Romaría de Catoira, con Fillas de Cassandra á fronte do cartel

02 ago 2024 . Actualizado a las 20:49 h.

O pasado sábado, 27 de xullo, deu comezo a ben coñecida Romaría Vikinga en Catoira. Dende o seu inicio e ata onte, as actividades centráronse en mesturar xadrez, andainas, cine e teatro, servindo de previa para todo o que vén a partir de hoxe. Un programa in crescendo que remata coa traca do desembarco dos bárbaros este domingo ao pé das Torres de Oeste.

Hoxe, o programa da Romaría comeza ás 18 horas, coa apertura das portas do Mercado Medieval na avenida da Ponte, acompañada de actividades pensadas para os máis pequenos. Ás 21 horas, nas Torres de Oeste, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre abrirán o potente cartel de VikingMusic, a rolda de concertos que durante tres días encherán de música o icónico espazo da localidade. Hoxe tamén ten lugar a última sesión do VikingDrama, ademais do pregón das festas deste ano, que corre da man de Sergio Álvarez, O Gato de Catoira, o exporteiro do Celta de Vigo.

Mañá, 3 de agosto, a programación comezará ás 10 horas con diversas actividades para todos os públicos que se prolongarán durante todo o día, co Xantar Vikingo reunindo un ano máis a centos de catoirenses ao carón das Torres de Oeste. Pola noite, ás 21 horas, será o momento de gozar da xornada central do VikingMusic, con Malabesta, Fillas de Cassandra, Rebeliom do Inframundo e Copa Turbo no escenario.

O domingo, 5 de agosto, as actividades da mañá versan entre música e animación para os máis pequenos, ata chegar as 12.30 horas, que terá lugar o famoso Desembarco Vikingo nas Torres de Oeste. Os viquingos prolongarán os espectáculos durante toda a tarde ata as 19 horas, na que unha nova cita co VikingMusic encherá as rúas de ritmo con Mel, Caamaño&Ameixeiras, De Vacas e Músculo.

A modo de colofón, a festa viquinga por excelencia despediráse o luns 5 de agosto cun novo desembarco, mais esta vez co Vikinguinho, ás 11.30 horas nas Torres de Oeste novamente. Pola tarde, as actividades estarán centradas para os mais pequenos a partir das 18 horas, rematando unhas festas por todo o alto co concerto da banda de música de Catoira que terá lugar na Alameda ás 21 horas.