A limpeza simultánea de ríos de ADEGA chega este ano a cinco concellos da zona
CATOIRA

A actividade está programada para este venres, no caso dos escolares, e para a fin de semana no dos adultos
20 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O Proxecto Ríos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, ultima esta semana a décimo sexta edición de Móllate polos ríos, unha iniciativa consistente na limpeza simultánea de ríos ao longo e ancho da xeografía do país. Desta volta serán 52 os concellos galegos nos que se actúe, grazas á participación activa de 60 entidades entre asociacións, colectivos ecoloxistas, centros de ensino ou concellos. Unha de cada seis, da banda sur da ría de Arousa.
Ecoloxistas de Catoira, a ANPA do colexio As Lombas e o Concello sumáronse este ano en Catoira á limpeza simultánea, programada para o venres no caso dos centros escolares e para a fin de semana no que se refire aos voluntarios maiores de idade. Tamén en Meis e en Ribadumia colaboran cadansúa Administración local, ademais do CEIP Armenteira e do Colectivo Ecoloxista do Salnés. Alumnos do IES As Bizocas do Grove e, en Valga, o Muíño Didáctico de Campaña, completan o mapa de colaboradores arousáns na nova edición de Móllate polos ríos.
Os interesados en sumarse á actividade teñen a posibilidade de atopar os contactos das persoas que coordinarán a intervención en cada lugar na páxina web https://limpeza.proxectorios.org.
Ademais da limpeza en si, a intención de ADEGA é divulgar entre os participantes a maneira correcta de realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Con tal fin, os membros do colectivo repartirán entre os asistentes á limpeza simultánea un protocolo específico, dispoñible tamén na web apuntada.
O Proxecto Ríos, coordinado en Galicia por ADEGA, é un programa de educación e de voluntariado ambiental destinado a dar a coñecer o valor e a función dos cursos fluviais, amosando as súas problemáticas e realizando iniciativas que, como a desta semana, fomenten a participación da cidadanía no mantemento dos ríos.