Alberto García, candidato do PSOE en Catoira: «Hai hidromel tan bo coma algún albariño»

Serxio González Souto
serxio gonzález VALGA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

Alguén diría que Catoira é un pulso a tres mans, outros que unha carambola a tres bandas. Os seus 2.809 votantes deciden

14 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa paréntese que supuxo o período de xestión do BNG a comezos deste mandato, Alberto García é o alcalde máis veterano de Arousa. Tomou posesión en 1989 e aí sigue, dende hai uns anos nun despacho novo, iso si.

—Cando vostede tomou posesión, aínda funcionaba o Pacto de Varsovia. Os rapaces hoxe deben de pensar que era un cubata.

—Si, o do Pacto de Varsovia xa ninguén sabe o que era. Pero tampouco outros pactos que había.

—Aínda lembra o día no que tomou posesión?

—Lembro, claro. Unha toma de posesión moi sinxela. En Catoira nunca houbo grandes actos para a toma de posesión.

—O mundo deu a volta coma un calcetín. Catoira tamén?

—Non había case nada e hoxe somos un concello pequeno con grandes servizos e grandes ideas. Progresou unha barbaridade.

—Gústalle o billar?

—Eu véxoo dende a barreira.

—Pois en Catoira hai que facer carambolas a tres bandas.

—Desas carambolas xa temos un exemplo. De irresponsabilidade e de facer as cousas sen pensalas, cousas que poden dividir os pobos e a xente. Non se pode traizoar o voto progresista.

—Que me di dun par de refráns?

—A ver.

—Mellor malo coñecido que bo por coñecer.

—Iso dicíao o meu pai. Pero eu non me vou poñer no lado do malo. O malo que ocorreu foi outro candidato que hoxe está outra vez aí.

—Mellor só que mal acompañado.

—Iso está máis que claro.

—O que si lle gustará serán as rosas, digo eu.

—As rosas vermellas e ben perfumadas. Se olen mal, non me gustan.

—Ata canto durarán as pilas?

—Este home ía descansar hai xa unha boa tempada. Pero visto que outros candidatos poñen como condición que eu marche para casa, non vou dar facilidades ningunhas a esa xente.

—Non lle vai bailar pegado?

—Non che son de baile, nin pegado nin por libre.

—Pero algunha canción poderá recomendarnos vostede.

Negra sombra. Eu son de cancións que teñan algo de profundidade. Negra sombra di moito.

—Seica van prohibir os cornos nos cascos dos vikingos.

—Non imos prohibir nada. Pero quen queira andar cos cornos ten que saber que iso foi un invento dos americanos para as súas películas. Historicamente non era así. Queremos que os nenos o saiban e o transmitan cando sexan maiores e participen na Romaría Vikinga. Os cornos, iso si, servían para facer son ou beber.

—Pois a iso imos. Probou vostede o hidromel?

—Moito, si. Principalmente en Dinamarca, Noruega e Suecia, onde hai moito nos mercados medievais. Produtos artesanais, e hai algún moi ben feito, tan bo coma algún albariño.

—Viño ou cervexa?

—Viño, sen lugar a dúbidas. E tampouco os vikingos lle facían ascos cando pasaban por aquí.

—Unha vela a Odín e outra a Santa Baia de Oeste?

—Nunca lle levei velas a ninguén, así que eu diría que si; poñeríalla aos dous, segundo a necesidade.