Case catro horas de paseo pola historia de Catoira

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Un bo grupo de familias responderon ao convite lanzado pola asociación de nais e pais do colexio e por Cristina Conde Escaloni para coñecer o patrimonio da vila

15 abr 2023 . Actualizado a las 18:52 h.

A asociación de nais e pais de alumnos do colexio Progreso, de Catoria, organizaron este ano, por segunda vez, unha ruta pola localidade. O obxectivo do mesmo é por en valor o patrimonio desta vila, poñendo especial énfase en elementos pouco coñecidos, coma os petróglifos que emerxen en numerosos recunchos da localidade. Cristina Conde Escaloni foi a encargada de deseñar a actividade e de guiala, conseguindo convertela nunha auténtica aventura tanto para a rapazada como para o público con máis anos: utilizáronse plásticos negros para facer un toldo sobre as rochas e facer máis visibles os petróglifos á luz das lanternas. Ademais, comparáronse os taboleiros de xogo descubertos no entorno das Torres de Oeste con xogos modernos, para que o público entendera a dinámica daquel antigo entretemento.

Foi un grupo numeroso, e de xente de todas as idades, o que participou nesta iniciativa, que arrincou ás dez da mañá da alameda de Catoira e que acabou estendéndose durante toda a mañá. O paseo e as descubertas fixeron, non en tanto, que para os exploradores a xornada transcorrese nun suspiro grazas ao ameno desta proposta cultural que parece estar a se consolidar.