Linguaxe de signos, subtítulos e audiodescripción: o teatro inclusivo chega a Catoira

R.E. CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

ADRIÁN BAÚLDE

O Concello e o Centro Dramático Galego presentaron Ás oito da tarde, cando morren as nais que se porá en escena de xoves a domingo

24 may 2022 . Actualizado a las 14:46 h.

De xoves a domingo, Catoira convertirase na capital do teatro galego. Durante todos eses días, o auditorio da vila viquinga será o escenario elexido polo Centro Dramático Galego para representar a súa nova proposta escénica, Ás oito da tarde, cando morren as nais. O director do CDG, Fran Núñez, e o alcalde de Catoira, Alberto García, presentaron onte unhas actuacións que teñen unha característica fundamental e moi especial: están pensadas para que todo o mundo poida gozar delas. Segundo explicaron, un novo sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade pódese dispor de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións, tanto no salón teatro coma noutros espazos.

A peza que se vai poñer en escena en Catoira foi dirixida por Marta Pazos e conta no elenco con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado. A obra, recomendada para maiores de doce anos, sitúa o público como elemento central da trama e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica.

 Ás oito da tarde, cando morren as nais, ofrecerá unha primeira función matutina o xoves, destinada a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás nove da noite e o domingo, ás sete da tarde. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de catro euros, con descontos para diversos colectivos. Poderán adquirirse tamén no despacho de billetes desde unha hora antes da función. Segundo destacou Fran Núñez, está confirmada xa a asistencia de veciñanza dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados e Gondomar, ao abeiro do programa de mobilidade do CDG, que permite contratar autobuses ao servizo dos concellos interesados en desprazar público a Catoira.

O alcalde de Catoira, Alberto García, quixo agradecer a colaboración do CDG e a inclusión de Catoira dunha forma tan relevante na súa xira, xa que se trata dunha aposta por «fomentar o teatro e o acceso a grandes producións en concellos pequenos».

Estreada o pasado 15 de abril no Salón Teatro de Santiago, a produción, iniciou o percorrido en Cee, viaxando logo a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e regresando a Galicia o 19 de maio con parada en Cedeira, onde permaneceu ata o 22. A xira chega agora ao Auditorio Municipal de Catoira, que acolle a montaxe do 26 ao 29, e finaliza no Teatro Principal da Estrada do 2 ao 5 de xuño.