Rosa Abuín: «Comecei en 1983 e só tiñamos unha Olivetti»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

Centos de negociacións e conflitos en toda Galicia marcaron a traxectoria da sindicalista arousa, que remata 39 anos despois

24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para comezar, desfagamos dous equívocos biográficos. Quen máis, quen menos, vincula a Rosa Abuín Rodríguez con Carril e cunha orixe profesional no eido da conserva. «En realidade nacín en Catoira, en 1958, aínda que non tería cinco anos cando nos trasladamos a Carril. En canto ao traballo, veño dunha empresa de materiais de construción, Digama, que funcionaba nas galerías do Dorna, en Vilagarcía; eu levaba as oficinas e a exposición», precisa a sindicalista arousá. Sexa como for, é lóxico que calquera asocie o seu nome coa industria conserveira, xa que Rosa foi responsable da Federación de Alimentación, Mar e Transporte da Central Intersindical Galega (CIG) para toda Galicia, ademais de asumir as secretarías de Muller e Negociación Colectiva, e a área de Organización para as bisbarras de Pontevedra e O Salnés. Centos de negociacións e conflitos laborais marcaron unha traxectoria de 39 anos que vén de rematar, ou non de todo: «Son xubilada parcial dende hai quince días, e aínda me estou adaptando a esta nova situación». A súa última intervención en activo foi unha concentración ás portas das instalacións que Atunlo posúe no Grove, para tentar reverter unha serie de despedimentos.

Quen andado o tempo poñería rostro ao labor da central nacionalista no mundo da conserva inaugurou a súa militancia na antiga INTG. «De moza algún tonteo tiven co PCE, pero axiña me decatei de que o meu era o ámbito nacionalista. Así que me afiliei con vinte anos e, claro, vivín a escisión da CXTG e, xa no 94, a refundación no seo da CIG». Aínda que daquela traballaba en Digama, cinco anos despois Rosa liberouse para se dedicar a tempo completo ao sindicato. «Cando comecei, no 83, eramos dúas persoas, Xosé Xoán Melón e máis eu, e só tiñamos unha máquina de escribir, unha Olivetti». Practicamente estaba todo por facer. «Non nos deixaban entrar nas empresas, tiñamos que facer as asembleas fóra. A verdade é que como sindicato nacionalista custounos moito, pero ao final acadamos o diálogo cos empresarios e puidemos traballar con normalidade».

A propia infraestrutura da organización mudou nestas décadas como da noite ao día. «Date conta de que faciamos de todo. Non había gabinete xurídico nin departamento de riscos laborais nin de igualdade. Entre dúas persoas, que co tempo fomos tres coa chegada de Tupi [Xan Bouzas], faciámoslles as declaracións da renda a man a catrocentos ou cincocentos afiliados. Botabamos ata as tres da mañá».

De xeito paralelo, reforzaba as candidaturas municipais do BNG en Vilagarcía. Primeiro en postos de recheo, ata que no 2007 mudaron as tornas. O resultado daqueles comicios propiciou un goberno de coalición entre o PSOE e o Bloque, e ela xestionou a concellería de Promoción Económica. «Malia todas as dificultades fixemos un bo traballo, como demostra que moitas liñas se continuasen mesmo ata hoxe, como a reforma da praza, o sistema de alugueiro de bicicletas ou a relación co comercio e a hostalaría». Iso si, «cando unha deixa o cargo, o teléfono deixa de sonar», advírtelles Rosa a aqueles que pensen na política como medio para gañar notoriedade. En canto á realidade sindical, na súa opinión «queda unha loita moi dura diante dos recortes e a perda de dereitos e poder adquisitivo».

De perto

Martina Miser

  • Unha tremenda consigna. A imaxe data da campaña das eleccións municipais de 1983 en Vilagarcía. A candidatura encabezábaa Raúl González, con Carlos Méndez, histórico voceiro do BNG, coma número 2: «Pasabámolo moi ben e faciamos nós todo. Ata gravar as consignas. Aínda me lembro dunha tremenda: ‘‘Menos xente nas cunetas, e máis gasolina para as avionetas''. Creo que tiña que ver cos incendios forestais e a falta de medios. Tiñamos esas cousas».
  • O conflito máis duro. Nos anos 80, dous mil galegos traballaban la construción de plataformas petrolíferas no Mar do Norte. En 1988, a empresa Heerema despediu á metade deles. Rosa Abuín lembra aquel coma un dos conflitos máis duros nos que participou, con cargas policiais no porto de Vilagarcía e a queima da bandeira dun buque holandés.
  • O último logro. Coa sinatura do convenio estatal da conserva, en marzo, Rosa Abuín amósase encantada: «É o único que garante o poder adquisitivo dos traballadores, 21.000 en toda España e 12.000 en Galicia, cun 0,3 a maiores para o grupo 5, o máis feminizado».