Sergio Álvarez asistirá á celebración dos dez anos da peña de Catoira

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

Mónica Irago

O acto, unha merenda de confraternidade, programouse para o sábado 11 de decembro

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba varios días adiantando unha inminente sorpresa e o domingo os responsables da Peña Celtista Sergio Álvarez O Gato a desvelaron por fin. O sábado 11 de decembro, no Pavillón Municipal de Deportes de Catoira, o colectivo celebrará o seu décimo aniversario. E como dez anos non se cumpren todos os días e resulta sen dúbida un número redondo, adiantan a presenza do home que dá nome á peña vikinga do Celta de Vigo, e propietario do carné número 1 da peña que fixo del o seu ídolo. 

O gardamallas, que se retiraba ao final da temporada pasada por mor dunha lesión grave que poñía en risco mesmo a súa calidade de vida fóra dos terreos de xogo, compartirá unha tarde cos peñistas amenizada por música, sorteos, picoteos varios, xamonada e chocolate con churros. Ademais, pensando nas familias, instalaránse inchables e ofertaránse actividades infantís.

A directiva da peña celtista de Catoira quere aproveitar o despregue e, sobre todo, a presenza de Sergio Álvarez, para animar a aqueles veciños e afeccionados da contorna da vila vikinga a que se sumen ao colectivo.