Catoira busca aos protagonistas das fotos de Pasarín para compartir os seus recordos e recuperar a historia

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O traballo artellarase arredor dos testemuños, en lingua galega, de persoas con protagonismo por ter vivido momentos importantes para a vila

14 oct 2021 . Actualizado a las 11:29 h.

Deixar falar á veciñanza. De feito, convidada a que facelo. Ese é o eixo dun proxecto de investigación, recuperación, produción de contidos e divulgación da historia local que vai poñer en marcha o Concello de Catoira. O traballo artellarase arredor dos testemuños, en lingua galega, de persoas con protagonismo por ter vivido momentos importantes para a vila, ou que teñen unha relevancia especial en eidos como a cultura, a sociedade, o comercio, a actividade económica, a natureza, a música, a arte...

Este venres, ás sete da tarde, este innovador proxecto vai ser presentado no salón Celso Emilio Ferreiro á veciñanza. No acto estará presente o alcalde, Alberto García (PSOE) e o responsable da iniciativa, Xan Leira. Co seu traballo pretende, a través da gravación en vídeo de «historias da vida das veciñas e veciños da localidade», por en valor a historia local, todo o que ten acontecido nun pobo famoso pola Romaría Vikinga, pero que é moito máis. Reconstruír a memoria colectiva a base de rescatar a memoria das persoas cobra, nesta iniciativa, unha importancia vital.

O Concello invita a «participar deste evento e do proxecto en xeral ás veciñas e veciños que aparecen retratados nas fotografías do notable fotógrafo Francisco Buceta Gómez, máis coñecido como Pasarín, que o Concello ten en propiedade, coa intención de darlle maior visibilidade, tamén, a este importante legado documental: pasado e presente ao servizo do desenvolvemento deste importante e innovador proxecto para a recuperación da memoria local de Catoira».