Viaxe de volta ás terras de Ferjënsen

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Marcos Creo

Aos seus 87 anos, o rianxeiro Rodríguez Tubío publica nova entrega de «Liorta Viquinga»

16 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia tívoo «un pouco encadeado», pero José María Rodríguez Tubío aproveitou o tempo que pasou entre os muros da súa vivenda para dar forma e vida á segunda parte da súa Liorta Viquinga. A primeira noveliña desta saga, ambientada nas ribeiras do Ulla e noutros puntos do territorio galego, foi tomando forma durante moitos anos, construída cos retallos dos contos que o autor escoitaba de cativo, ao carón do lume. O primeiro texto, escrito alá polos anos sesenta do século pasado, acabou metido nun caixón. De alí sacábao o autor cada certo tempo. Corrixíao, pulíao, pero non lograba darlle o acabado preciso para expoñelo aos ollos dos demais. Ata que en 2018 deu co punto exacto e se publicou a Liorta Viquinga grazas á colaboración dos concellos de Catoira e Rianxo, terras fértiles nas que os homes do norte facían parada antes de ir petar ás portas de Compostela e nas que, algúns, mesmo botaron raíces, construíron unha vida. Foi o caso de Ferjënsen, protagonista da primeira historia e personaxe que lle dá sentido á segunda.

Esta nova entrega da saga ten, dende o punto de vista da súa autoría, unha historia máis curta. Xurdiu a novela da necesidade do autor de pechar a aventura, de permitir que unha personaxe como Alexis saldase as súas contas cunha parte de si mesmo, da súa identidade. A aventura discorre, desta volta, nas terras do norte, ata onde chega o protagonista para descubrir as raíces do seu pai e, tamén, para dar noticias do home no que o seu proxenitor se convertera durante a súa vida nas nosas terras, bañadas pola ría de Arousa.

O primeiro era un libro de xeografías coñecidas, e ben coñecidas polo autor, que fixo camiñar aos seus protagonistas polas terras do Barbanza, por Catoira, ata por Carnota. Pero desta volta, a cousa foi diferente. José María Rodríguez Tubío somerxeuse nos libros para, a través da letra impresa, poder imaxinarse o mundo no que ían a se mover as súas personaxes. «Non estiven nunca nos países nórdicos, así que todo o que falo está creado pola imaxinación». Ese exercicio era preciso para poder amosar o que José María quería: «o contraste entre unha vida e a outra». O encontro de dúas realidades distintas, de dous mundos diferentes que acadan algo que non debería ser tan complexo, pero que o é: escoitarse e respectarse. Ao fin e ao cabo, o entendemento co outro é o eixo das historias que relata o profesor Rodríguez Tubío. «Eu penso que neste mundo ninguén o sabe todo. Estamos na obriga de saber escoitar con humildade aos demais», apunta o autor, que transfire eses valores ao protagonista da historia, converténdoo nun «home sensato» que escoita todas as voces -as que o gaban e as que o critican- e toma logo as súas propias decisións. Case como o autor, que está ansioso por coñecer a opinión do público diante da súa segunda novela, ao tempo que sigue argallando, cheo de enerxía literaria aos seus 87 anos, novos proxectos literarios.

A segunda parte da Liorta Viquinga garda similitudes evidentes coa primeira. Leva, di o seu autor, «o cuño do mestre, porque ese é un cuño que eu levarei comigo sempre». Toda unha vida dedicada á docencia fíltrase nun texto no que se desprega a riqueza de matices do galego. «Dáme moita pena que vaiamos perdendo a nosa lingua, a riqueza do noso vocabulario», sinala. De aí que sementadas nas páxinas do libro, atope o lector unha boa escolma de palabras fuxidías, verbas que en moitos casos corren o perigo de desaparecer da nosa fala.