Catoira programa dúas actividades para fomentar a igualdade entre os seus escolares

Alumnos da ESO do colexio Progreso asistirán á proxección do documental Arte+Muller+Galicia e coñecerán o proxecto plástico Músicas Galegas Ilustradas


vilagarcía / la voz

Fomentar a igualdade entre o alumnado do colexio Progreso. Este é o obxectivo co que o Concello de Catoira programa este mes no auditorio municipal as actividades Arte+Muller+Galicia e Músicas Galegas Ilustradas

Dirixida aos alumnos de terceiro e de cuarto da ESO do C.P.I. Progreso, a primeira delas trátase dun documental que será proxectado o venres 23 deste mes no que se recolle unha aproximación a aquelas artistas femininas cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte contemporánea en Galicia, caso de Menchu Lamas, de Berta Cáccamo ou de Mónica Alonso. Unha aproximación, explican desde o Concello vikingo, ás súas diferentes vidas, obras e circunstancias que as marcaron.

O último venres deste mes, día 30, serán os alumnos de primeiro e de segundo da ESO do colexio Progreso os que pasen polo auditorio municipal de Catoira. No seu caso, para descubrir en Músicas Galegas Ilustradas mulleres músicas do país, con escasa presenza inda nos festivais, o grande escaparate da profesión. Un proxecto de Laura Romero, ilustradora, debuxante urbana e baixista da veterana banda de rock galega Zënzar, que tira da súa formación plástica para visibilizar tantas cantantes e instrumentistas que coñecía e as que foi coñecendo a raíz dun proxecto que as personaliza con cadansúa ilustración.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Catoira programa dúas actividades para fomentar a igualdade entre os seus escolares