O COVID-19 e o aprazamento dos Xogos pospón ao 2021 o Congreso de Catoira

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O presidente do Congreso, Manuel Isorna, o alcalde da localidade vikinga, Xoán Castaño, e os presidentes da Federación Galega e da Real Federación Española de Piragüismo, Fredi Bea e Juan José Román, acordaron nunha xuntanza telemática trasladar o simposio

13 jun 2022 . Actualizado a las 21:22 h.

A propagación da pandemia do coronavirus COVID-19 foi quen mesmo de obrigar ao adiamento dos Xogos Olímpicos un ano -onte os seus responsables fixaban as súas novas datas: 23 de xullo a 8 de agosto do 2021-. Así as cousas, as entidades que participan na organización do Congreso Internacional de Adestradores de Piragüismo en Augas Tranquilas e de Slalom de Catoira acordaron onte seguir os pasos dos seus homólogos dos XX.OO de Tokio, e pospoñer a cita doce meses.

O presidente do Congreso, Manuel Isorna, o alcalde da localidade vikinga, Xoán Castaño, e os presidentes da Federación Galega e da Real Federación Española de Piragüismo, Fredi Bea e Juan José Román, acordaron nunha xuntanza telemática trasladar o simposio, convertido en referente mundial en materia de estudo técnico e científico entre a elite internacional dos técnicos de piragüismo, do 16 ao 18 de outubro do presente ano ao mesmo mes do 2021.

Manuel Isorna argumentaba onte con tres razóns principais a decisión tomada. A primeira delas, sinala, é que «inda que hai máis relatorios, un dos elementos de interese principais das edicións do Congreso en ano olímpico é a análise dos últimos Xogos, e se lle sacas esta parte, o congreso perde un pouco a súa esencia».

Coa disputa das medallas olímpicas trasladada ao verán do 2021, e con, literalmente, medio planeta confinado neste momento pola pandemia, a maioría dos adestradores de primeiro nivel que tiveran previsto participar sobre o estrado ou no patio de butacas do Auditorio de Catoira o vindeiro outubro «van estar preparando ese mes os Xogos», a fin de recuperar o tempo que se está a perder agora, apunta Isorna.

Por último, «fálase de que o vindeiro outubro pode reaparecer o coronavirus, ao Congreso veñen adestradores dos cinco continentes, e non sabemos como vai estar o resto do mundo», engade o presidente do comité organizador.

Consulta internacional

O certo é que a oitava edición do Congreso Internacional de Adestradores de Augas Tranquilas e a segunda do de Slalom estaban completamente pechadas xa. Ata o punto de que a imprenta da Deputación de Pontevedra ten almacenadas as copias dos trípticos que Isorna prevía repartir o 19 de marzo en Sevilla na presentación da nova edición do pack de congresos de Catoira, aproveitando un ano máis a concentración de boa parte do piragüismo español no Campionato de España de Inverno, primeira proba do calendario nacional de augas tranquilas.

Suspendida a actividade piragüista desde esa mesma semana, a que rematou coa aprobación do decreto do estado de alarma, Manuel Isorna recibía a semana pasada a consulta dun dos relatores do Congreso, interesado en saber se seguía adiante este ano. De acordo co presidente da RFEP, o catoirense consultou entre os sete adestradores de barcos e de equipos nacionais que adestran para a gran cita de Xapón confirmados no cartel do Congreso cal era o seu criterio. E «a maioría prefería aprazalo».

Cun orzamento duns 30.000 euros, o adiamento dos dous congresos resulta, declara Isorna, «un gran de area no deserto, pero tamén é un exemplo da repercusión económica que está a provocar o coronavirus. 300 persoas cos seus voos a Galicia, que durante tres días enchen as tres casas de turismo rural de Catoira e os hoteis de Valga e de Vilagarcía». Con todo, e confiando en «aproveitar no 2021 boa parte do traballo feito estes dous últimos anos, o presidente do comité organizador declara que «o noso é un mal menor con toda a xente que está a padecer esta pandemia».