Marzo de música e debate en Catoira

r.e.

CATOIRA

10 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado domingo, o auditorio de Catoira acolleu un espectáculo no que a música e o teatro se mesturaban cos versos de Rosalía de Castro, dando forma ao acto central da programación municipal co gallo do 8M. Aquel evento foi, tamén, o primeiro dos previstos dentro da oferta cultural do mes de marzo.

O vindeiro sábado, día14, ás sete e media da tarde, comezará neste espazo a final do concurso de novos intérpretes. E o sábado 21, chegaralle ao turno ao terceiro festival de bandas de música de escola, de novo a partires das sete e media da tarde. A fin de semana seguinte volverá a música: sábado e domingo, 28 e 29, desenvolverase unha master class de saxofón a cargo de Iván Cuenca. No medio dese encontro, o sábado terá lugar un concerto de Iván Cuenca e Adrián Pais. Será ás oito da tarde. Todos os eventos musicais, agás a master class, serán gratuitos ata que se encha o auditorio.

O domingo 15, ás seis e media da tarde, no auditorio haberá debate: un acto informativo sobre a mina de wolframio de San Finx. O sábado 21 de marzo, ás seis da tarde, na sala Celso Emilio Ferreiro, celebrarase unha reunión do colectivo A Mesa das Verbas, cun comando de acción poética que ten a súa base en Vilagarcía de Arousa. Coma sempre, haberá unha lectura de poemas na que poderá participar quen o desexe.

Teatro

A última parada no programa cultural do mes de marzo chegará o domingo 22, de novo ás seis da tarde, de novo no auditorio municipal. Desta volta, haberá que pagar cinco euros de entrada para poder presenciar o espectáculo Conversas con Tana, de Al Guanella.