Veciño do ilustre Gato de Catoira, vén de converterse nunha das revelacións neste inicio de liga en Preferente
30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Veciño de aldea de Sergio Álvarez, O Gato de Catoira, Adrián Falcón (Catoira, 1996) estaba chamado a pegarlle á bola como si se lle fose o corazón en cada disparo. Chegado á Alta este verán, a súa irrupción no Puebla foi unha das mellores noticias do arranque de liga. Dono dunha zurda da que saen quilates, o seu golpeo e a súa visión para cravar o último pase convertéronse en determinantes preto da área rival.
-O seu comezo non podía ser mellor. A que o achaca?
-É sobre todo polo equipo, estamos adestrando ben, somos unha piña. Estanos saíndo todo de cara. Non temos moitas ocasións, pero estámolas aproveitando. Somos un conxunto que defende ben, pero non só eu estou marcando, Madiop tamén está anotando goles.
-O importante é marcar un máis que o rival. Que tal vai a súa adaptación ao vestiario?
-Custoume ao principio. Era un equipo novo, e o sistema de Anxo é moi distinto ao que tiña o ano pasado, pero cando colles confianza todo sae mellor.
-A semana pasada volviches a marcar, e de vaselina. Non te cortas un pelo.
-Era o recurso que había [ri]. Manu foi o que creou a ocasión e caeume a min o rexeite. Non me quedou outra, era picarlla ao porteiro ou non meter gol.
-Cal é o obxectivo do equipo?
-Ufff, é o que di o adestrador. Primeiro salvarse e despois mirar cara arriba. Como Simeone.
-Xa estivo noutra época no Barbanza, xogando no Ribeira.
-Si, estiven media tempada. Tiña 18 anos, acababa de rematar en xuvenís e non me foi moi ben. Lévome coa xente daquel equipo, agora estou de novo con Madiop e con Álvaro Calo.
-Tivo mala sorte, non foi unha das mellores épocas do Ribeira.
-Collín a última etapa boa antes de que fose costa abaixo.
-Tampouco tivo moita sorte no Estudiantil o curso pasado.
-Non foi o mellor ano, pero estoulles moi agradecido.
-Este é diferente.
-Tendo en conta que a tempada pasada ganamos só un partido... Cambia un pouco. Sendo sincero, non me esperaba estar pelexando no terceiro posto a estas alturas. Polo equipo que lles vin o ano pasado, contaba con estar na metade da táboa para arriba, pero isto é un pouco sorpresa. É xustificado, estámolo merecendo. Tivemos rivais duros, pero soubemos competir.
-E a título individual, que meta te pos?
-Comprendín que hai que pasalo ben e a partir de aí mirar cara arriba. Imaxínate que subimos, pois gustaríame xogar co Puebla en Terceira. Se nos quedamos en Preferente, pois seguir con eles.
-O importante é valorar o camiño, non só o final.
-Si, se o fas, as cousas tenden a ir ben. Se te angustias acabas obcecado. Este ano estouno pasando moi ben.
-E por enriba, marcando.
-Cambiei en comparación co ano pasado, que marquei dez goles e nove foron de falta. Este ano non marco unha falta nin á de tres.
-Pois o teu é o disparo.
-Si, e a visión de xogo. Non son moi rápido nin áxil.
-Algo así como Mesut Özil, o que xogou no Real Madrid?
-Si, para min é Deus, pero agora mesmo non é o mellor momento para dicilo [ri].
Curtiña e ao pé
Un xogador: Guti
Un estadio: O Bernabéu
Un gol: Benzema en Riazor
Un adestrador: Guardiola
Un ídolo: Mesut Özil
Unha película: Calquera de Marvel ou de DC, son un pouco friki.
Un lugar: Cabío.
A súa comida favorita: Tortilla, pero sen cebola.
Un soño: Chegar o máis alto que poida
Un equipo de lenda: O Barcelona de Guardiola
Un deporte que non sexa o fútbol: O baloncesto.
Unha canción: Ningunha en concreto, calquera de reggaetón.