Xan Castaño ve «inasumible» custear a reforma integral proposta para as Lombas

O rexedor referíase aos 1.163.500 euros en que o arquitecto contratado pola Real Federación Galega de Fútbol cifra o custo


vilagarcía / la voz

O alcalde de Catoira, o nacionalista Xan Castaño, declarou onte que «se o que sae publicado é así, a reforma integral das Lombas é inasumible para este Concello». O rexedor referíase aos 1.163.500 euros en que o arquitecto contratado pola Real Federación Galega de Fútbol cifra o custo de facer unhas instalacións completamente novas no obsoleto, e ata perigoso, recinto futbolístico municipal.

Coas finanzas do Concello de Catoira afogadas pola enorme débeda atopada polo grupo de goberno de Castaño tras a súa elección como novo alcalde o pasado xuño, nin os arredor de 400.000 euros de media do Plan Concellos da Deputación que a corporación municipal acordaba a semana pasada destinar á reforma das Lombas se achegarían a cubrir a metade do diñeiro preciso.

Malestar co club

Con todo, Castaño reitera que «estamos dispostos a buscar vías de financiamento noutras institucións». Claro que «antes temos que ver esa memoria». E é que, quéixase, «este goberno non ten coñecemento do documento, algo que si ten algún grupo da oposición», en referencia ao PP. «É unha falta de respecto que se a memoria chega ao club -Catoira SD-, lla filtre a grupos a oposición -como así lle consta- antes que ao Concello», que está a proceder a consolidar a estrutura da grada do campo por consello do arquitecto da RFGF.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Xan Castaño ve «inasumible» custear a reforma integral proposta para as Lombas