Catoira acorda recuperar os semáforos, e zanxar en Dimo o problema cos redutores

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

A corporación pídelle á Xunta sinais con pulsador na recta do vello consistorio, e á Deputación que quite a metade dos lombos

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis aló do bronco intercambio dialéctico a raíz da moción do PSOE para eliminar a Xunta de Goberno Local, aprobada co apoio do PP, e da nova acusación da bancada nacionalista ao socialista Alberto García de acosar ás empregadas municipais nas súas visitas diarias ao consistorio tras a perda da Alcaldía, o pleno da corporación local de Catoira estivo marcado na tarde do luns maiormente pola entente entre os tres grupos políticos municipais. Entente materializada en varios acordos con incidencia directa na súa veciñanza, pero tamén na dos moitos condutores que atravesan as estradas da localidade vikinga.

A mellora da seguridade na circulación de vehículos, e sobre todo, de persoas, figurou en dous dos puntos centrais do pleno, ambos a iniciativa do Partido Popular. O primeiro por orde no debate, o que comprometeu o Concello de Catoira a «Solicitarlle á Xunta de Galicia e ao xefe de obras da área de Pontevedra a instalación de dous semáforos de pulsador» na recta entre o acceso ao centro de saúde e o antigo consistorio, «coa intención de protexer os viandantes que empregan os pasos de peóns». Unha medida que suporía recuperar os reguladores de tráfico existentes hai anos na zona. Na mesma moción reclámase «Que se eliminen os problemas de visibilidade do paso de peóns fronte á alameda, ben sexa eliminando a árbore que tapa o paso de peóns, e que xa ten unha denuncia de Tráfico, ou adoptando outras medidas».

Beirarrúas en Dimo

A dos semáforos foi a penúltima moción do pleno, aprobada por unanimidade como a última, na que o PP de Iván Caamaño reclamou: «A eliminación da metade dos redutores da parroquia de Dimo -un total de 17 nuns 800 metros, segundo cálculos do goberno local-, na estrada EP-8703, algún deles situados en curvas perigosas á hora de circular con motos ou con bicicletas, producindo problemas á hora de manter a dirección». A petición será trasladada á Deputación, titular da estrada e das recentes obras nas que se colocaron os lombos, e inclúe outras dúas solicitudes: «A recolocación, se fora posible, dos redutores retirados noutros lugares do concello onde si os solicitan os veciños», e a «instalación de beirarrúas, moi necesarias, moi solicitadas, e, estas si, unha solución aos viandantes».

A reforma das Lombas será sufragada coa parte que toque do Plan Concellos 2020 da Deputación

O PP conseguíu facer pleno coa súa media ducia de mocións presentadas na sesión da corporación municipal do pasado luns. Máis aló das referidas á seguridade vial, salienta a solicitude do «Uso do próximo Plan Concellos da Deputación para poñer en marcha e financiar o proxecto de reforma do campo das Lombas que está a ser redactado pola Real Federación Galega de Fúbol» tras a visita o pasado mes do presidente desta última xunto cun arquitecto a un recinto deportivo que, salientan os populares, precisa dunha mellora integral. Na moción, apoiada tamén polo grupo nacionalista e mais polo do PSOE, inclúese ademais o acordo para «a construción dun aparcadoiro de terra, na parte posterior do campo» propiedade do Concello.

Os tres grupos municipais coincidiron ademais en buscar fórmulas, o máis probable da man de varios concellos limítrofes cos que compartilo, para conseguir fondos doutras administracións superiores cos que poder contratar un orientador laboral que, entre outras tarefas, elabore un proxecto de obradoiro de emprego que poder rexistrar para o seu financiamento pola Xunta.

O PP deixou sorprendido o alcalde nacionalista coa súa petición de tirar do edificio multiusos para «actividades culturais e cursos para a promoción da lingua e da cultura galegas, e da tradición histórica de Galicia», ademais de para a «promoción da participación da muller nas actividades culturais, así como charlas, cursos e formación sobre igualdade de xénero e patriarcado». O grupo de Castaño apoiou a moción, pese a informar de que o seu goberno xa programou 35 actividades centradas en ditos fins só entre o 15 de xuño e o 30 de outubro.