Campos e Romero gañan o Descenso do Sella no C2, e Álvarez é subcampioa no K2

A do sábado foi unha exitosa xornada para o Breogán


vilagarcía / la voz

Exitoso sábado o vivido polo Breogán do Grove a pasada fin de semana. Coa súa canteira brillando na regata da Liga Provincial en augas de Catoira, e os seus maratonianos demostrando a súa madeira de campións nunha das grandes citas do piragüismo a nivel internacional.

Tono Campos e Diego Romero completaron o Descenso Internacional do Sella no alto do podio da modalidade masculina do C2. A primeira parella de canoístas en cubrir a distancia entre Arriondas e Ribadesella fíxoo enfundada na licra da selección española. Equipo co que tamén paleou a grovense e compañeira dos dous anteriores no Breogán Tania Álvarez, formando tándem coa luguesa do Kayak Tudense Tania Fernández, co sabor da súa recente prata no Europeo de Maratón inda no padal. As Tanias engadiron o sábado outro segundo posto de postín ao seu palmarés conxunto no K2.

Ademais das súas tres estrelas, o club meco contou con dúas padexeiras na selección galega que acudíu ao Descenso Internacional do Sella. Ángela Rodríguez rematou décima no K2 Muller Sub-23 con Sarah Miguel, do Naval de Pontevedra, e Marta Mourelos foi cuarta no K2 Muller Cadete xunto con Sandra Leiría (C.D. Miño).

Tamén o sábado, o Breogán gañou a clasificación por equipos da regata de Catoira puntuable para a Liga Provincial Prebenxamín, Benxamín e Alevín. Sumou 8.276 puntos, polos 6.795 do C.M. Ría de Aldán, e os 5.838 do N. Pontecesures, terceiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Campos e Romero gañan o Descenso do Sella no C2, e Álvarez é subcampioa no K2