Carla Frieiro e Raquel Dacosta (As Torres-Romaría Vikinga), Manuel Fontán e María Pérez (Náutico O Muíño) e Valeria Oliveira e Noel Domínguez (Breogán) e Iago Monteagudo figuran entre as principais opcións de medalla de España
01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A selección española de piragüismo desprazouse esta semana a Pitesti, Romanía, para participar desde hoxe e ata o domingo no Campionato do Mundo Júnior e Sub-23 de Esprint. Unha cita á que acode cun numeroso equipo de 42 padexeiros. Case a metade deles, 19, galegos. Un de cada seis, de equipos do Salnés e do Baixo Ulla, firmes candidatos a volver a casa con a lo menos unha medalla, coa inmensa maioría dos sete arousáns inscritos no Mundial facendo dúas, ou ata tres probas do programa mundialista.
O padexeiro xuvenil do Náutico O Muíño Manuel Fontán debuta ás 9.04 de hoxe no C-1 1.000, coa intención de gañar a súa eliminatoria, e conseguir deste xeito o pase directo á final. Fontán, que pretende ampliar en Romanía o seu xa notable palmarés internacional, tamén competirá na proba do C-4 500, formando equipo con Oliver Tamame, con Cayetano I García e mais co pontevedrés Martín Jácome.
Tamén en canoa, pero na da categoría Sub-23, o madrileño do Breogán do Grove, Noel Domínguez, buscará confirmarse xunto ao morracense David Barreiro nun home de futuro no olímpico C2 1.000 Sub-23, que paleará xunto co C2 500. A padexeira das Torres-Romaría Vikinga Raquel Dacosta é a arousá con máis probas por diante, competindo nos dous barcos olímpicos da canoa feminina, o C1 200 e o C2 500, neste último, igual ca no C2 200, coa deportista do Náutico O Muíño María Pérez como parella. A inda cadete do Breogán do Grove Valeira Oliveira estréase pola súa banda a nivel internacional, competindo con Antía Romero, do Piragüismo Rías Baixas, nun barco, o C2 200 xuvenil, autofinanciado como moitos dos que representan a España en Pitesti.
En kayak, en probas olímpicas, tanto a xuvenil das Torres-Romaría Vikinga Carla Frieiro, no K1 200 e 500, como o Sub-23 meisino do Naval de Pontevedra Iago Monteagudo, no K1 1.000 e no K4 500, son tamén serias opcións de medalla.