García cualifica a nova organización da Romaría Vikinga de «desfeita»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MARTINA MISER

O exrexedor de Catoira considera un fracaso que se venderan 700 entradas porque outros anos chegouse ás 1.100

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Unha desfeita». Así de categórico se manifestou onte o ata o pasado mes e durante os últimos 30 anos alcalde de Catoira, Alberto García, para referirse á organización da Romaría Vikinga a cargo por primeira vez do executivo nacionalista de Xan Castaño.

Alberto García comeza a súa dura crítica á nova programación da Romaría Vikinga negando o éxito do que fala Castaño tras anunciar a venda de 700 entradas para a cea vikinga. «Iso é un fracaso absoluto, porque polo menos 1.100 persoas participaron nela o ano pasado», sinala García.

O exrexedor fala de «outro desastre» cando «o ano pasado participaron sete barcos no desembarco, e neste non están nin garantidos cinco, co que menos vikingos poderán participar nel».

Ao anterior, García engade o enorme retraso que, conta, está a amosar o actual goberno local á hora de engalanar e publicitar a inminente nova edición da Romaría Vikinga: «O alumeado da festa non está colocado nin ao 25 %. Os pendóns que se reparten entre o comercio e se colocan nas farolas non están instalados. Neste momento non hai carteis nin dípticos distribuídos». E carga tamén contra Castaño por outorgarlle o servizo de comida da cea vikinga a unha empresa, di, allea ao sector, retrasar o permiso para a celebración dunha cea paralela na praia dun grupo de mozos que o solicitaron, e trasladar o concerto da Romaría da praia á alameda do vello consistorio, «un perigo a carón dunha estrada con moito tráfico», subliña.

Máis aló da Romaría, García denuncia a renuncia por parte do goberno de Xan Castaño a unha subvención concedida polo Xacobeo 2021 para a elaboración do estudo dun proxecto común do Camiño de Santiago e o Camiño Vikingo, os dous principais itinerarios europeos recoñecidos polo Consello de Europa. O Xacobeo 2021 tería aprobado 15.609 euros para a iniciativa, aos que o Concello de Catoira debería sumar 9.365.