A ponte de Catoira cortará o xoves un carril por unha inspección especial

La Voz CATOIRA

CATOIRA

MONICA IRAGO

O obxectivo é valorar o seu estado de conservación e se é necesario facer algunha reparación

11 jun 2019 . Actualizado a las 14:12 h.

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar unha inspección especial da ponte de Catoira para valorar o seu estado de conservación, descartar que existan patoloxías ou danos que afecten ao seu nivel de seguridade e ver se é necesario tomar algunha medida de reparación concreta. Esta inspección realizase en coordinación coa Deputación da Coruña e obrigará, segundo explica o deputado Uxío Benítez, a cortar ao tráfico un dos carrís do viaduto o vindeiro xoves día 13 entre as 10 e as 12 da mañá, aproximadamente.

O obxecto da inspección é a caracterización completa do estado actual do viaduto, para detectar calquera dano que poida haber nos elementos que conforman a obra de paso, para o que se están a realizar labores de inspección visual, ensaios de caracterización e medicións complementarias, segundo explican desde a Deputación.

O informe sobre a ponte inclúe unha recompilación de toda a información dispoñible e traballos de campo nos que se obterán datos para avaliar a evolución da estrutura e detectar posibles patoloxías que afecten ao seu comportamento e durabilidade.

Unha vez rematada esta fase comezará unha etapa de traballos en gabinete para realizar unha avaliación estrutural da obra, que cotexará os datos obtidos en campo e incorporará as reparacións realizadas con anterioridade. Con esta avaliación estrutural preténdese obter o nivel de seguridade do viaduto.

Cos resultados obtidos, avaliarase a posibilidade de establecer limitacións no uso e desenvolverase, no caso de que sexa necesario, unha proposta de reparación da estrutura , na que se definirán as actuacións a realizar ordenándoas por orde de prioridade de execución. Constará tamén dun orzamento aproximado de cada unha das actuacións propostas.

O viaduto de Catoira atópase nun enclave estratéxico ao comunicar as provincias de Pontevedra e A Coruña, e forma parte da EP-8001 Caldas-Carracedo-Catoira, unha estrada cunha IMD medida no ano 2018 de 9.532 vehículos/día. O traballo de inspección ten un prazo de execución de cinco meses e un orzamento de 18.089,50 euros.