Carla Frieiro faise coa Copa de 200 e de 500 e dobrará no Mundial Xuvenil

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

PABLO PENEDO

Manuel Fontán (Náutico O Muíño) faise co ouro no medio quilómetro e coa prata na distancia curta da cita estatal

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira das dúas xornadas da Copa de España de 200 e de 500 metros pechou onte coa nómina de padexeiros arousáns nas seleccións españolas de esprint engordando cun nome máis. Logo da conquista das prazas nos Xogos Europeos e no Campionato do Mundo Sub-23 de María Fontán (Náutico O Muíño) e Raquel da Costa (As Torres-Romaría Vikinga) no C-2 500, e do breoganista Noel Domínguez no C-2 1.000 en cadanseu selectivo específico, a catoirense das Torres Carla Frieiro Carril facíase cos postos do K-1 200 e 500 no Mundial Xuvenil gañando os correspondentes títulos na Copa de España.

Frieiro impúxose na xornada matutina na final do K-1 200 en 44,672, moi esixida por Nerea García, do Santiagotarrak, a tan só 40 centésimas de segundo. Xa pola tarde a vikinga non tivo rival no medio quilómetro, vencendo en 1.59.412, coa mesma rival segunda, só que aquí a 4,81 segundos de diferenza.

Tamén o xuvenil Manuel Fontán (O Muíño) fixo dobrete na Copa, pero gañando unicamente o C-1 500 en 1.58,579, con 0,56 segundos de vantaxe sobre Cayetano García de la Borbolla, do Náutico Sevilla, que pola mañá superara o arousán, segundo, por 0,55 na final do 200.