Un pulso a tres mans polas torres

Serxio González Souto
serxio gonzález CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA IRAGO

Subimos aos muíños de vento cos candidatos. Estas son as súas propostas para o concello vikingo

07 may 2019 . Actualizado a las 13:44 h.

A tarde preséntase anubrada en Catoira. Desta volta prescindimos das Torres de Oeste, o símbolo por excelencia do enclave que funcionou coma chave e selo de Galicia para elevarnos sobre a paisaxe. Desde hai longo tempo, as eleccións municipais son aquí cousa de tres. O PSOE de Alberto García, que cumpre trinta anos na alcaldía, o BNG ao que representa Xoán Castaño, a única formación que algunha vez foi quen de ameazar a hexemonía socialista, e o PP, que continúa á procura dun candidato que lle proporcione estabilidade e nesta ocasión confía esta tarefa a Iván Camaño, o único dos tres que este serán non subíu ata os muíños de vento. Aínda así, resposta as preguntas de La Voz.

-Dígannos tres razóns para votar polas súas formacións.

-Alberto García. A experiencia, a eficacia e os seus resultados. As cousas ben feitas.

-Xoán Castaño. Hai máis. O traballo serio, o recoller as inquedanzas da xente e dos colectivos, un bo programa, o feito de estar preparados para gobernar. E tamén os efectos de tantos anos ininterrompidos de gobernos do PSOE e de Alberto García, que levaron ao Concello a unha situación económica ruinosa.

-Iván Camaño. Un candidato novo, con ideas e vitalidade fronte a dous candidatos que levan trinta anos. É o tempo dos mozos nun concello no que o futuro só é posible fuxindo a Vilagarcía ou a Valga. Un equipo unido coa forza da xuventude fronte a un alcalde solitario, sen equipo.

-Está ben a Romaría Vikinga ou habería que darlle un cambio?

-A. G. A romaría é unha aposta moi importante, na que é preciso manter todas as súas actividades. Non podemos prescindir dun programa que fai que na semana da romaría visiten Catoira cen mil persoas, e, en xeral, cincocentas cada fin de semana. Que imos facer? Primeiro, relacionar o Camiño de Santiago co itinerario dos vikingos, o segundo máis importante de Europa, xa presentado na Xunta e avalado polo Consello de Europa. Segundo, a posta en marcha do centro cultural, o museo das Torres.

-X. C. Convocaremos a todos os colectivos culturais para recoller as súas ideas. Son necesarias actividades relacionadas coas torres todo o ano, non nos conformaremos con que haxa unha multitude na hora do desembarco.

-I. C. En vez de sete días inexistentes necesítanse catro ben feitos, para todos os públicos, involucrando aos hostaleiros. A verbena é fundamental recuperala.

-Como convencería a unha parella moza para vivir aquí?

-A. G. Case o 30 % da poboación ten trinta anos ou menos. Situación xeográfica estratéxica, boas comunicacións e servizos e actividades que permiten a conciliación.

-X. C. Unha moi boa situación xeográfica, un entorno natural privilexiado. E por riba de todo, Catoira é boa xente.

-I. C. Unha parella moza nunca pensaría en Catoira para vivir. Non ten o que necesita. Primeiro hai que cambiar o Concello.

O aspirante popular e o seu equipo declinaron compartir a fotografía cos seus contrincantes.