As doce patas que lle deron ás á mellor canicrosser española da historia

CATOIRA

MARTINA MISER

A sete veces campioa da Copa de España fálanos dos cans que ao longo dos últimos oito anos conquistaron con ela o seu palmarés único

18 ene 2019 . Actualizado a las 10:42 h.

Sete títulos de campioa da Copa de España Sobre Terra, a competición raíña do canicrós a nivel estatal, tres ouros no Campionato de España na mesma superficie e un sobre neve encabezan o palmarés da internacional catoirense Mónica Touriño nos últimos oito anos. Un currículo que a converte na mellor canicrosser feminina española da historia. A recompensa á alta calidade e competitividade da deportista arousá, pero tamén ás dos seus outros tres coprotagonistas. Nun deporte no que humano e can conforman un equipo, Touriño comparte a súa gloria con Brisca, con Caramelo, e desde hai tres tempadas, con Nepal, a súa actual parella de baile nas pistas das carreiras de canicrós de España, e de Europa, coa de Catoira confiando en quitarse unicamente a espiña de rozar varias veces o podio nas súas cinco participacións nos Campionatos de Europa e nun Mundial. Mónica descúbrenos a Brisca, a Caramelo e a Nepal tres días despois de encadear o seu sexto título na Copa de España.

A cazadora en carreira

Dous anos levaba practicando canicrós Mónica Touriño cunha golden retriever, Area; pero á cadela non lle gustaba moito o seu deporte. A catoirense descubríu entón nun foro de internet que un galguero de Valladolid se quería desprender de Brisca. «Os galgueros soltan unha lebre e dous cans para ir detrás dela. Pero Brisca era moi lista, e atallaba, e aos galgueros iso non lles gusta; queren que os cans vaian polo camiño máis longo e vistoso», conta Touriño.

Daquela, lembra, os alaskanos, hoxe a raza máis habitual no canicrós español, non abundaban por estes lares. E «en canto lle puxen o arnés a Brisca, púxose a correr. Non a tiven que ensinar».

Con 3 anos de idade, a nova compañeira deportiva da vikinga permitíulle dar un salto de calidade. Logo de dous dobretes na Liga e no Campionato de Galicia con Area, coa galgo conquistaba, na tempada 2011/12, a súa primeira Copa de España na súa estrea a nivel estatal. E probablemente o voltaría facer ao ano seguinte, de non ter partido a cadeira a metade humana do equipo no mes de decembro. Como demostra o sexto posto no Campionato de Europa co que acababan de debutar no escenario internacional.

Con todo, Touriño desvela que «nunca fixen un canicrós soa con Brisca. Os nosos adestramentos nunca foron bos. Ela saía cazar. Daquela saiamos todos os competidores xuntos, e ela perseguía os homes que ían diante. Hoxe, que saímos nas carreiras de parella en parella cada 30 segundos, estaría vendida con Brisca». Pola psicoloxía, pero tamén pola fisionomía dunha raza, o galgo, única e diferente a de todos os demais cans, cóntanos Mónica. Ademais de ter un grao de temperatura corporal máis alto, ao contrario cos seus conxéneres, o galgo esgota o glucóxeno tras un esforzo intenso, e non o recupera ata que volve comer. Por iso, «con Brisca aprendín a correr a toda pastilla os 3 primeiros quilómetros, e facer o resto do trazado, ata 10 ou 11, a trote», rememora a vikinga.

Demasiado rápido para ir a pé

Como Brisca, Caramelo foi adoptado; nunha protectora de Toledo. Mestura de galgo e de bocerón -pastor francés-, viña de ser recuperado dunha familia coa que vivira, tamén en adopción, o seu primeiro ano. «Chegou a min con moitos medos, e o canicrós axudoulle moitísimo a perdelos; a ser máis sociable coas persoas», salienta Mónica. «Foi meterlle un arnés, e saír a correr. Encántalle correr, e levarte». Só «lle fallaba a súa cabeza, pola súa vida anterior», opina a súa parella humana. Porque, polo demais, Caramelo «ten unhas condicións excelentes. É forte, atlético, veloz...». Ata o punto de concluír que «o canicrós non foi a mellor opción para el. Ten moita velocidade, e precisa correr a alta velocidade», de tal maneira que, ao pouco tempo, «como entendeu que eu non lle podía seguir o ritmo, empezou a saír moi rápido, e o resto da carreira baixaba o seu ritmo a trote». De aí que, con tres títulos da Copa de España e un subcampionato de España sobre terra, hai tres anos Caramelo se pasase ao patín, facendo equipo con Mónica e co alaskano Argos.

Este último é o pai de Nepal, fillo de Frai. O primeiro compañeiro canino de Touriño que naceu na súa propia casa. «É fantástico, en todo o que lle poñan: canicrós, bici, patín, só ou en tiros de catro, comigo ou con calquera dos meus compañeiros», di a súa orgullosa parella humana. «El o que quere é correr. Ten o tiro metido desde que naceu. Lévao xeneticamente. Non precisei nin da adaptación que fago con outros cans, de levalos antes polo monte, e que practiquen exercicio».

Con dúbidas, Touriño levou a Nepal ao Europeo do 2017, na que foi a grande estrea do alaskano en competición. «Antes probeino só nunha carreira da Liga Galega. Escapóuseme, e descualificáronnos», lembra, sanción que remataría por relegar a de Catoira ao segundo posto na xeral autonómica. «Pedínlles que nos deixaran correr de todos modos, para probarnos. E correu como un tolo, adiantando a todo o mundo. Fomos ao Europeo, e quedamos cuartos», o mellor posto nas cinco participacións continentais de Mónica.

Con el conquistou o repóker

Co único lunar da Liga Galega, na tempada 2016/17 Mónica e Nepal gañaron a Copa e o Campionato de España máis o Campionato Galego Sobre Terra, ademais do bronce no Campionato de España Sobre Neve. A tempada pasada gañaron as cinco competiciones, algo inaudito no mundo do canicrós. E este ano só lles falta remachar a Liga Galega, e revalidar o Nacional Sobre Neve.

Así as cousas, cun can das condicións de Nepal, Touriño só dubida se sacrificar o tempo e o diñeiro precisos para poder asaltar o podio do Europeo, preparándose nunha ubicación coas condicións de frío dos países nórdicos nos que se disputa a cita continental.