Sergio Álvarez ameniza a previa da cea da Peña Carcamáns

O porteiro do Celta estará esta tarde na Illa a disposición de nenos e de adolescentes para unha sesión de fotos e de autógrafos


La Voz

A Peña Carcamáns anima hoxe a calquera neno e adolescente afeccionado ao Celta a pasarse a partir das sete da tarde polo salón de plenos do consistorio da Illa. Nun acto público, o maior colectivo de seareiros do club vigués contará co porteiro titular do primeiro equipo celeste, Sergio Álvarez. Alí, durante dúas horas, O Gato de Catoira prestaráse a asinar autógrafos, a facerse fotos, e a charlar brevemente con canto rapaz queira facelo. Iso si, respectando a rigorosa orde de circulación que fixen os integrantes da Peña Carcamáns, toda vez que o reducido do espazo impide grandes concentracións de afeccionados.

O presidente da Peña Carcamáns, Belermo Dios, quixo onte trasladarlle publicamente a Sergio Álvarez o máis profundo agradecemento pola súa disposición a vir hoxe ata A Illa. E é que a previsión do grupo de seareiros da Arousa de contar con varios futbolistas do primeiro plantel do Celta esta tarde, manexada desde hai semanas, víuse abaixo cando co troco de adestrador no vestiario de Balaídos os xogadores do primeiro equipo non convocados coas súas seleccións recibiron tres días de permiso. Só a excelente relación persoal de Bele Dios con Sergio Álvarez, e a ben coñecida disposición do porteiro de Catoira a botar unha man en calquera causa que o mereza, evitou que o acto, pensado para regalarlles aos nenos e aos adolescentes da Illa e da comarca unha tarde única no día do punto final ás celebracións do vixésimo aniversario da Peña Carcamáns, non rematase suspendido.

Ás nove da noite os arredor de 200 comensais anotados na cea do 20º. aniversario da Peña están citados na súa sede, na Taberna dos Baláns, desde onde unha hora máis tarde partirán cara Casa Forniños, o restaurante cambadés no que gozarán dunha longa velada. En espera de ver se Sergio Álvarez se suma tamén ao ágape, a cea contará co presidente da Federación de Peñas do Celta, Pepe Méndez, e con dous representantes institucionais do club, Germán Arteta, director da Fundación do Celta, e María José Táboas, integrante desde a semana pasada do consello de administración da sociedade anónima deportiva propietaria do Celta.

A cea pechará o ambicioso programa de celebracións dos vinte primeiros anos da Peña Carcamáns, que arrincou no verán cunha exposición sobre a súa historia no Auditorio da Illa, e continuou coa organización no municipio da IV Romaría Celtista.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Sergio Álvarez ameniza a previa da cea da Peña Carcamáns