O Concello enche o auditorio con espectáculos, a maioría deles musicais, pensados para todas as idades
22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Os «Contos do recreo», de Redrum Teatro, foron os encargados de destapar onte a programación cultural que se desenvolverá en Catoira nas vindeiras semanas. O programa está cheo de citas pensadas para ser gozadas en familia, xa que serán do gusto de nenos e de maiores.
«Contos do recreo», a peza inaugural deste programa, é unha obra que reflexiona sobre o acoso escolar. A protagonista da historia, que onte tomou o escenario, é Alicia, unha rapaza que goza facéndolle a vida imposible ás súas compañeiras. Pero unha aventura inesperada faralle cambiar a súa forma de ver o mundo.
A seguinte cita no auditorio de Catoira será o vindeiro sábado, día 29. Desta volta, o protagonismo será para a maxia, xa que Fani Triana subirá ao escenario para facer trucos capaces de deixar coa boca aberta a quen se achegue ata o auditorio ás sete e media da tarde. A entrada deste espectáculo será gratis.
Damos un salto ata o primeiro sábado de outubro. As 18 horas arrincará na biblioteca municipal un espectáculo de «Radio BuleBule», de Paco Nogueiras. Será, di o Concello, «unha divertida e animada sesión baseada no libro disco deste artista», que é quen de fascinar a toda a familia.
Na fin de semana do Pilar, haberá dobre sesión no auditorio. O sábado 13, ás seis da tarde, será o tempo de «Luna. Sobre Ruedas», da compañía On Beat, un musical baseado na famosa serie de Disney Channel, que conta cun gran número de seguidores. O show inclúe cancións pegadizas, unha máxica posta en escena e espectaculares bailes. Ao día seguinte, o domingo 14, ás 17 horas, desembarca en Catoira «Peter Pan, un musical moi especial». Trátase dun espectáculo para toda a familia. Trátase, explica o Concello, dun proxecto teatral e educativo, «que ten a misión de converterse nun espectáculo inclusivo no que participan algúns artistas con discapacidade intelectual». As entradas para este espectáculo xa se poden mercar a través de Ataquilla.
Seguimos o repaso pola oferta cultural de Catoira para o vindeiro mes. O sábado 20, ás 18 horas, actuará na biblioteca o mago Bugarín, co espectáculo «Mundo máxico 3.0». E unha hora máis tarde, ás sete, vaise proxectar no auditorio o vídeo editado por Follow The Vikings Roadshow. Ámbolos dous espectáculos serán gratuítos.
Chegamos ao 27 de outubro, cando o Samaín chama á porta. Carmen Domenech estará na biblioteca con «Contos para pasalo de medo». E na tardiña do 31, a procesión das caveiras iluminará as rúas de Catoira.
E un apunte de novembro: o día 17, ás 17 horas, chegará á vila o exitoso musical «La sirenita, una aventura ecológica».