A festa comarcal polo Día da Patria Galega será en Catoira

a. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

ANTONIO GARRIDO

María Paz, Xoán Castaño, Rubén Cela e Montse Prado falarán este venres na alameda catoirense

18 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A alameda de Catoira é o escenario escollido polo BNG do Salnés para a celebración do Día da Patria Galega. A cita será este venres a partires das nove da noite, nun acto que contará coas intervencións de María Paz, concelleira catoirense, Xoán Xosé Castaño, portavoz municipal, Rubén Cela, membro da executiva nacional e Montse Prado, deputada no Parlamento de Galicia. A praza de Galicia, en Vilagarcía, acolleu a presentación do evento, nun acto o que asistiron distintos representantes do BNG no Salnés.

María Paz subliñou que este ano cúmprese o 50 aniversario da recuperación do Día da Patria, que arrancou no 1968 dun xeito clandestino e que ata o ano 1983 non puido chegar a manifestación ata a praza da Quintana.

Montse Prado, pola súa banda, reivindicou o dereito dos galegos a tomar as rúas para defender a reivindicación de que «Galiza é unha nación».

Prado apuntou que este é un momento clave para Galicia e relatou varias das loitas nas que o BNG está inmerso: «O dereito a un traballo e unhas pensións dignas, a igualdade de oportunidades e a violencia de xénero», e outros tan concretos como a oposición a reapertura da mina de Touro. «Temos que introducir unha axenda galega nas decisións que se toman en Madrid e na Unión Europea», dixo a deputada. Todo elo, segundo Prado, abonda na necesidade de que a participación nos actos que se celebrarán en Santiago o 24 e 25 de xullo, os que invita os veciños do Salnés, teñan unha resposta moi importante.