«Estamos traendo a Vilagarcía xente de nivel, e outra de supernivel»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

MONICA

Cunha programación de cámara «á altura de calquera outro concello de Galicia», a Filarmónica duplicou socios en só dous anos

01 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Botou andar en febreiro do 2016. Oitenta eran os socios na súa primeira asemblea ao seguinte mes. Hoxe a Sociedad Filarmónica de Vilagarcía conta cuns 155 amantes da música de cámara embarcados nun proxecto que busca o goce e a promoción dun nicho musical con polo de agora escasa tradición nestas terras. Programando concertos de solistas e de agrupacións de primeiro nivel internacional no Auditorio da capital dunha comarca á que convidan a acercarse a unha malentendida afección para minorías. O presidente da entidade, José Luis Sanz, conta o seu proxecto.

-Fomentar a música clásica en Vilagarcía. Con ese propósito naceu a Sociedad Filarmónica de Vilagarcía. ¿Como xorde a idea?

-Apoiamos todo tipo de música clásica. Pero sobre todo a música de cámara, pensada para formacións pequenas, de non máis de oito integrantes. Era unha idea que viñamos madurando desde había ano e medio Eligio Vila, o compositor, e mais eu. Empezamos a falar con xente coñecida que sabiamos que ten afección ou que participa na música, no Coro do Liceo, no que estou eu, ou na Coral de Sobradelo. Tamén temos socios non vecellados á música, e de fóra de Vilagarcía; de Vilanova, de Cambados ou de Catoira, que cando se foron enterando disto, fóronse enganchando.

-¿Ardua a súa tarefa?

-Ben, afortunadamente temos bastante sorte. Desde que comezamos foi crecendo o número de socios. Na primeira asemblea da Sociedad eramos uns 80, e hoxe seremos uns 155 socios. O importante é ter os suficientes ingresos para traer a xente de nivel. E estamos a traer a xente moi boa.

-¿Como vai de música clásica Vilagarcía e a comarca? ¿Que resposta están a recibir?

-Había un baleiro na oferta deste tipo de música. Música clásica aquí escoitábase cando viña a Orquestra Sinfónica de Galicia, a través do Concello; e como vén de balde, énchese o Auditorio. Aí vese que hai apetencia e inquietude por este tipo de música. Como ao ver tantas corais en Vilagarcía, que tamén fan música clásica. A programación de Vilagarcía está hoxe á altura de calquera programa de música de cámara de calquera outro concello de Galicia. Os nosos concertos roldan os 300 asistentes. Para a música de cámara e unha cidade como Vilagarcía é un número importante. Comezamos no Salón García, cunha capacidade de 250 persoas. Pero xa ao rematar a primeira tempada subíu o número de socios, e tivemos que levar os concertos ao Auditorio.

-Usando os grandes grupos e cantantes de rock como medida, ¿de que nivel estamos a falar cando o facemos dos grupos e solistas que están a traer a Arousa?

-Eu non comparo músicos nin músicas. Estamos traendo xente de nivel. E outra de súper nivel. Podemos dicir que de Primeira División, por usar o fútbol como medida, e dentro da Primeira División, figuras. Empezando pola primeira concertista que trouxemos, a pianista coreana Yeol Eum Son; o primeiro concerto que deu en España deuno en Vilagarcía. O ano pasado trouxemos a unha violinista, a xaponesa Mayu Kishima, que tocou cun Stradivarius auténtico.

«Os nosos concertos roldan os 300 asistentes. Queremos ser un referente para toda a comarca»

«Nós non imos traer intérpretes coma Lang Lang. Nós apostamos polo clásico, clásico»

-Falan na súa web da Sociedad de Cultura Musical de Vilagarcía e da súa actividade entre 1924 e 1926. ¿Inspirou a súa entidade?

-A Sociedad de Cultura Musical de Vilagarcía fixo unha programación tan ou máis importante cá nosa. O mellor pianista do mundo daquela época, Arthur Rubinstein, e o mellor guitarrista daquel tempo, o español Andrés Segovia, actuaron en Vilagarcía da súa man. Foi a nosa devanceira. Despois, iso foise todo. Non. Non nos inspirou. A miña investigación sobre a Sociedad de Cultura Musical de Vilagarcía fíxena despois de poñer en marcha a Sociedad Sinfónica. Nós detectaramos unha necesidade, e vemos que a xente está polo labor. Se non isto non se mantería, Sen os socios e o Concello non o poderiamos facer.

-Inda queda por diante parte da súa tempada 2017/18, pero a bo seguro xa estarán dándolle voltas á cabeza á vindeira. ¿Algo xa pechado de cara o 2018/19?

-As tempadas sempre se fan cun ano mínimo de antelación. Mesmo xa temos contratado ese cuarteto alemán que xa estivo a finais do 2017 para que volva na tempada 2019/20. A tempada que vén témola pechada, pero non podo adiantar nada. Inda non o saben nin os socios. Ata que estean todos os contratos pechados non se pode publicitar.

-Lang Lang provocando colas para encher auditorios con milleiros de fans, Sarah Brightman vendendo máis de 30 millóns de discos, os violonchelistas Stjepan Hauser e Luka Sulic con millóns de visitas en Youtube á súa peculiar fusión de Beethoven e de Led Zeppelin... ¿Que opinan na Sociedad Filarmónica da fusión da música clásica con familias da música de masas contemporánea?

-Pois non é un tema de debate que teñamos. Na miña opinión persoal, prefiro unha obra que fixo Brahms, tal cual, Beethoven, tal cual. Pero é unha opinión persoal. Os autores hai que respectalos ao máximo. Para min é un atrevemento andar a tocarlles a partitura, unha falta de respecto. Outra cousa é a execución única de cada músico e director.

-Entón, ¿non veremos algún día algún grupo ou artista deste tipo de mesturas en Vilagarcía da man da súa entidade?

-Non. Non, non. Nós somos dos que apostamos polo clásico, clásico. Para outro tipo de música xa hai outros espazos. Eu respecto todo tipo de música. Pero cando falamos de música clásica, falamos de música clásica. Respéctase o autor.

«Escoitar este tipo de música en vivo a virtuosos non hai diñeiro que o pague»

A Sociedad Filarmónica de Vilagarcía traballa, dende hai tempo, man con man con quen pretenda promover a paixón e a difusión da música de cámara.

-Programan concertos, e organizan charlas. ¿Que buscan cos primeiros, e que función pretenden cos segundos?

-O 1 de xuño, antes do último concerto da tempada, vai dar unha conferencia en Vilagarcía un dos máis relevantes críticos de música clásica de España, Arturo Reverter. Buscamos a difusión e o coñecemento da música clásica, cos concertos e coas charlas.

-Desde o primeiro día teceron unha relación de colaboración co Conservatorio de Vilagarcía. Algo que semella lóxico e intelixente non sempre remata callando. As causas comúns non sempre xeran boas relacións en familias pequenas...

-Si. Entre outras cousas, temos profesores do Conservatorio que son socios. Hai unha boa sintonía, nunca mellor dito. O Conservatorio ten a súa función, e a Sociedade a súa, e se todos tiramos do mesmo carro, todo funciona moito mellor. Temos un convenio co Conservatorio, coa Escola e coa Banda de Música, polo que os seus alumnos e membros poden asistir gratuitamente aos concertos, para complementar as súas ensinanzas.

-Fálenos do Instituto Goethe de Alemaña. ¿Como unha pequena sociedade de melómanos do finisterre consegue o patrocinio dunha entidade como esa?

-Un cuarteto co que contamos no 2017, que está contratado tamén para o 2019/20, foi patrocinado polo Instituto. Subvencionoulle a viaxe. Foi un patrocinio puntual, que facemos constar na nosa web, como o de calquera outra institución ou empresa que nos queira facer unha achega.

-Boa parte de Europa ten naturalizada a música clásica como unha pata máis da música para grandes públicos. ¿Que lle pasa a España con isto?

-En España non hai cultura de música clásica. Eu creo que España está asomando a cabeza. Pero fáltalle moito para chegar ao nivel doutros países europeos. Non hai moita tradición, e a que había, rompeuse coa Guerra Civil. Sorprenderíaste coa xente maior que ten unha boa colección de discos, CDs, de música clásica; unha influencia da cultura musical anterior á guerra dos seus pais.

-¿Con que soñan na Sociedad Filarmónica de Vilagarcía?

-A miña aspiración persoal, e creo que a da Sociedade Filarmónica, é saírse do eido de Vilagarcía, ser a cabeceira da comarca do Salnés, atraer a máis xente do resto da comarca e dos arredores a escoitar música en vivo. Escoitar este tipo de música en vivo a virtuosos non hai diñeiro que o pague.