Víctor Riobó e Saleta Castro defenden o seu casco e espada na Vikinga 10K

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

CEDIDA

Os corredores do Lérez encabezan con Nuno Costa e con Paula Mayobre a nómina de favoritos en Catoira. A proba popular de conta con 1.031 inscritos na que é aínda a súa cuarta edición

23 dic 2017 . Actualizado a las 17:23 h.

A matinal do domingo dirimirá a pelexa polo casco e pola espada do rei e da raíña da Carreira Popular Romaría Vikinga 10K de Catoira, que os ventos e a choiva da borrasca Ana desprazaron dúas semanas no tempo. Coa elección forzosa do día de Noiteboa rematando por darlle un último pulo á proba, conseguindo rachar a barreira do milleiro de inscritos para gozo da súa organización, a cargo do departamento de Deportes do Concello de Catoira; reto que semellaba quedar adiado á quinta edición, no 2018, tras pecharse o rexistro para a primeira data da carreira, o 10 de decembro, en 915 atletas.

Con tan só catro anos de historia, a Carreira Popular Romaría Vikinga 10K está a espertar o interese de moitos dos afeccionados, e non tan afeccionados, do panorama galego. Así, entre os arredor de 600 participantes que pelexarán na distancia raíña da cita, os 10.000 metros, figuran catro grandes nomes, incluídos os vencedores da terceira edición.

En homes, o marinense Víctor Riobó, campión de España dos 800 e 1.500 metros e mais da milla, aspira á facerse por terceiro ano consecutivo co casco e coa espada vikingas por premio, co portugués Nuno Costa, o home de moda nas populares galegas polo seu dominio incontestable nas últimas semanas nas súas metas, como principal alternativa.

A ultratriatleta pontevedresa de elite mundial Saleta Castro quere revalidar o triunfo co que o ano pasado abría o seu historial na Vikinga 10K. A atleta internacional Paula Mayobre, campioa galega de mediomaratón, parte como a súa principal adversaria.

Entre as novidades introducidas pola organización da carreira popular catoirense figura a ampliación do seu número de categorías de idades, axeitándoa ao listado da Federación Española de Atletismo para as súas probas. O que non variou foi o percorrido. Con, explicaba onte o técnico municipal de Deportes de Catoira e director da proba, Manuel Rodríguez, saída e chegada á zona comercial da rúa da Estación cunha volta duns dous quilómetros ás Lombas, e o trazado dirixíndose despois cara á parroquia de Oeste, pasando polas Torres no treito máis vistoso camiño da chegada.

A hora de saída para as categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e de veteráns é as 11.20. Os prebenxamíns e os benxamíns faráno ás 10.30, ás 10.45 os alevíns, e ás 12.45 os pitufos (nados entre o 2014 e o 2017).