Os ventos de Ana elevan a Romaría Vikinga 10K por enriba da barreira dos mil corredores

CATOIRA

MONICA IRAGO

Máis dun cento de afeccionados aproveitaron o troco de datas pola borrasca e as 27 horas de reapertura das inscricións

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha terra sedenta por unha seca á que non está afeita, Galicia recibíu na ponte da Constitución a borrasca Ana como auga de maio. O primeiro gran fenómeno meteorolóxico de choiva e de vento en meses tivo entre as súas cruces a suspensión da práctica totalidade das competicións deportivas do domingo día 10. Porén, a lo menos unha delas saíu netamente beneficiada da circunstancia. Obrigada a cambiar a súa data, a organización da Carreira Popular Romaría Vikinga 10K de Catoira, a cargo do Concello, arriscou coa elección do novo día, o 24 de decembro, Noiteboa. Un atrevemento que vén de ser recompensado con outra decisión motivada polas circunstancias. A de reabrir o prazo de inscrición online durante 27 horas. Máis dun cento de afeccionados aproveitaron a nova fiestra para inscribir os seus nomes na proba, elevando por vez primeira por enriba do milleiro de atletas a súa lista de saídas.

 

Manuel Rodríguez, técnico de Deportes do Concello de Catoira e director da carreira, explicaba onte que na semana seguinte ao aprazamento da Romaría Vikinga 10K «recibimos multitude de correos de xente dicíndonos que non se apuntaran para o día 10, por ser ponte e non poder participar, pero que si o poderían e o quererían facer o día 24». Así as cousas, os responsables da cita decidiron «abrir un novo prazo ás 9 da noite do luns, ata onte -martes- á medianoite». Dos 915 apuntados para a data inicialmente fixada, pasouse aos 1.031 cos que se pechou o último rexistro. Só catro persoas das que se anotaran para correr na ponte da Constitución se deron de baixa, informa Manuel Rodríguez.

 

Obxectivo acadado

A organización fixara en 1.200 o límite de participantes desta cuarta edición da Carreira Popular Romaría Vikinga 10K. Mais «xa sabiamos que era unha cifra á que non iamos chegar», confesa o director da carreira. Con 815 inscritos un ano atrás, e dada a mocidade da iniciativa, o reto que se marcaran desde o Concello de Catoira era chegar ao milleiro de atletas. Empurrada polo vento da borrasca Ana, a proba consegue seguir superándose a si mesma e, como sinala Manuel Rodríguez, cunha «cifra tremenda, que non se ve moito noutras carreiras da zona». Chegando, informa, aos 600 atletas séniores, fronte aos 450 da edición do 2016.

 

Interesados na fórmula máxica

Tal é o salto cuantitativo e cualitativo, que os xestores da Carreira Popular Romaría Vikinga 10K, con dezaoito categorías de idade nas que se anotar os seus participantes, son xa obxecto de estudo. «Chamáronme organizadores de carreiras doutras localidades para preguntarme como estabamos a planificar a nosa proba, e se tiñamos algunha estrutura de difusión», conta o seu director, a fin de aprender da súa experiencia. Manuel Rodríguez non ten problema en sinalar que a contratación desde a segunda edición da firma pontevedresa Difusión Prosport «notouse moitísimo na nosa difusión nas redes sociais, e na captación de patrocinios».