Mónica Touriño e Óscar Piñeiro gañan o Campionato de España recén chegados do Mundial

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

OSCAR VÍFER

Coróanse en Valladolid ás tres semanas de facerse co Campionato Galego

05 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mónica Touriño Ferreirós, con Nepal, e Óscar Piñeiro Pérez, con Siddhartha, veñen de coroarse a pasada fin de semana campións de España de canicrós sénior feminino e masculino, respectivamente. Primeiros postos cos que amplían o seu pleno de títulos en xogo na presente tempada de mushing, logo de impoñerse tres semanas atrás no Campionato Galego da disciplina en Redondela.

Os ouros da catoirense e do vigués do Kennel Den teñen un valor extra, por varios motivos. O primeiro, por ter sido asinados sen tempo de recuperación de nada menos ca un Campionato do Mundo. A parella estrela do club vikingo chegaba o pasado xoves ás súas casas despois de percorrer os case 3.000 quilómetros por estrada desde a localidade polaca de Szamotuly-Kozle, onde o deran todo para asinar dous brillantes cuartos postos nas súas respectivas categorías nas que eran as súas estreas nun Mundial de Mushing sobre Terra.

Pese ao desgaste acumulado, e de ter que disputar unha proba que, como en Polonia, constaba de dúas xornadas de competición, o sábado e o domingo, Mónica Touriño e Óscar Piñeiro non só conquistaron o Campionato de España, senón que o fixeron con suma autoridade. El, en 32.35,310, cun minuto, 16 segundos e 536 milésimas de vantaxe respecto a Fernando Pérez, e 1.19 sobre Iván Hierro, que xuntos completaron un podio integramente galego. A canicróser de Catoira, impoñéndose en 36.41, 415 e sacándolle tres minutos longos á catalana Lali Masriera, subcampioa en 40.22,451. A madrileña Laura Álvarez completou o palmarés cun bronce fixado nun crono de 40.56,296.

Mónica Touriño deixaba ben encarrilado o seu título en Valladolid na primeira xornada, o sábado, sacándolle entón xa 1 minuto e 38 segundos a Álvarez, nese momento segunda na xeral.