A catoirense rematou en Polonia xunto con Nepal a 25 segundos do podio
29 nov 2017 . Actualizado a las 14:18 h.Atravesou Europa de sur a norte empeñada en reivindicarse como unha das dez mellores canicrosers do planeta, e rematou ás portas de subirse ao podio do Campionato do Mundo de Mushing Terra da IFSS (Federación Internacional de Deportes de Cans de Trineo). Mónica Touriño (Catoira, 30/V/1975) completou xunto con Nepal o pasado domingo na localidade polaca de Szamotuly-Kozle cuarta na clasificación final da categoría de canicrós feminino elite. O mesmo posto có asinado en idéntica categoría, pero masculina, polo seu compañeiro e adestrador no Kennel Den de Catoira, o vigués Óscar Piñeiro, no seu caso formando dúo con Siddharta, e que se suma á cuarta praza colleitada por ambos no Campionato de Europa do ano pasado.
A ampla participación eleva o mérito do conseguido polos dous canicrosers galegos. Sobre todo no caso de Mónica, con medio cento de competidoras nas dúas xornadas nas que se dividíu o programa do mundial na súa especialidade. Cun crono de 10.49.34 a deportista vikinga situouse xa o sábado cuarta na xeral provisional, a algo menos de 16 segundos da alemana Julia-Anna Prins, a 18 da rusa Anastasia Bogatenkova, e a practicamente 40 da checa Martina Stepankova. Dez segundos por detrás da galega, a checa Katerina Bluchova e a belga Tessa Phillipaerts. Seis primeiras clasificadas que calcaron os seus postos sabatinos na xeral final ao termo da segunda e derradeira xornada, o domingo, coa catoirense cedendo tempo con Prins, ata os 25,27 segundos definitivos, pero resistindo o asalto da checa Bluchova, con 5,77 segundos de colchón para o histórico do Mundial.
Touriño, que lidia cada día cunha reumatite crónica e dexenerativa, debeu baleirarse para saír tan ben parada da dobre esixencia de competir coas mellores a nivel internacional nun terreo enlamado pola climatoloxía que, tras 3.000 quilómetros de viaxe en coche, supuxo un castigo extra para o seu físico. A organización optou de feito por recurtar 700 dos 4.500 metros do programa de canicrós vendo os corredores afundirse no terreo e sufrir para facer apoio estable.
Curiosamente, e tras procederse á sinalada corrección do trazado, Touriño e Piñeiro non só se estrearon nun Mundial ás portas do podio, senón tamén asinando os seus mellores tempos en competición das súas carreiras; cunhas velocidades medias altísimas, de 2,42 minutos o quilómetro a campioa do mundo e e 2,51 da catoirense.
O que non puido disputar finalmente a presidenta do Kennel Den foi a modalidade de relevos, na que ía competir formando trío coas catalanas Marta Barrufet e Olga Álvarez ata que a organización suspendeu a proba polas malas condicións do terreo.
Os cuartos postos en canicrós de Touriño e de Piñeiro forman parte da notable actuación da selección española, que con 20 deportistas colleitou dous títulos, un subcampionato e un bronce nunha cita con 564 mushers de 30 países en acción.