Mónica Touriño abre o seu palmarés co título de campioa galega de canicrós

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CATOIRA

OSCAR VÍFER

Mushing O Kennel Den de Catoira faise en Redondela con tres ouros e media ducia de podios na cita autonómica, preludio do Mundial

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro título en xogo da tempada 2017/18, e primeiro ouro da catoirense e presidenta do Club Kennel Den. Mónica Touriño proclamouse o pasado domingo xunto con Nepal campioa galega de canicrós sénior feminino, impoñéndose en Redondela nun circuito de 4,38 quilómetros con saída e con chegada á contorna do centro social Chan das Pipas, entre a Senda da Auga e o Camiño de Santiago. Cun trazado bastante rápido pero culminado cun par de costas e cunha chegada na que a coordinación entre humano e can resultaba crucial para marcar as diferenzas.

O de Mónica Touriño foi un dos tres ouros do Kennel Den no Campionato Galego de Mushing de Terra, con probas de canicrós, de bikejoring e de patín. O vigués Óscar Piñeiro, o outro referente do club vikingo e tamén preparador técnico dos seus deportistas, fíxose cos outros dous títulos do equipo do Baixo Ulla. Competindo con Argos en bikejoring, e con Siddhartha na modalidade de canicrós absoluto masculino.

A prata de Manuel Domínguez (Moraña) con Fly e o bronce de Paco Alfaro (A Lama) e de Tini en canicrós veteráns, xunto co terceiro posto do vilagarcián Kiko Martínez con Tíbet e con Lara en patín 2 completan a media ducia de medallas do Kennel Den no Campionato Galego de Mushing de Terra.

A participación de mushers arousáns do Kennel Den en Redondela completouse co quinto posto de Mónica Touriño con Caramelo e con Thai en patín, co séptimo do vilagarcián Alberto Santiago e Lara en bikejoring, e co quinto de Kiko Martínez con Polo en canicrós veterán.

A vindeira cita do club de Catoira será a carreira de apertura do circuito da Copa de España, na localidade burgalesa de San Adrián de Juarros, este domingo. Será esta a última proba antes de ver a estrea de Mónica Touriño e de Óscar Piñeiro nun Campionato do Mundo de Canicrós. O que se disputará do 23 ao 26 do presente mes en Polonia. Unha experiencia á que ambos acoden con catro participacións por cabeza en cadanseu Campionato de Europa.