A Fundación Manolo Paz recoñece a figura de La Ribot, a coreógrafa que renovou a linguaxe da danza
CAMBADOS
Uxía musicará á entrega do galardón, que terá lugar o venres, 7 de agosto, no parque escultórico de Castrelo
05 ago 2026 . Actualizado a las 18:28 h.María La Ribot (Madrid, 1962) ampliará este venres o perfil de distincións que cada ano, dende o 2016, entrega a Fundación Manolo Paz na súa se de Castrelo, en Cambados. No seu catálogo figuran arquitectos (Xerardo Estévez, Manuel Gallego Jorreto, Álvaro Siza, David Chipperfield), paisaxistas (Fernando Caruncho), músicas e intérpretes (Luz Casal, Rosa Torres Pardo) e pescudadores da arte contemporánea (Rosina Gómez-Baeza, exdirectora de Arco; o mecenas Román Pereiro; David Barro, comisario e director de Es Baluard Museu d'Art Contemporani de Palma). Coa escolla da coreógrafa e bailarina madrileña, as artes escénicas súmanse á constelación dos recoñecementos que concede a entidade á que dá natureza o escultor arousán baixo a dirección de Julia García Escudeiro, no seu pulo constante ás máis diversas manifestacións culturais.
Premio Nacional de Danza, medalla ao Mérito das Belas Artes e León de Ouro na Biennale de Danza de Venecia, a fundación subliña de La Ribot a súa posición clave «na renovación e na hibridación das linguaxes da danza e a arte contemporánea internacional nas últimas décadas». A entrega terá lugar o 7 de agosto no parque escultórico que Paz fai medrar coa desembocadura do Umia á vista, nun espazo no que natureza e arte dialogan coma extensións simétricas entre as que resulta difícil marcar unha linde clara. Aló foi onde, na mañá deste luns, un grupo de patrocinadores e membros do padroado fixeron pública unha decisión que será materializada nas undécimas xornadas que acolle a entidade radicada en Castrelo. Unha cita «transcendental para Cambados», segundo a visión do seu alcalde, o socialista Samuel Lago. Alejandro Daporta falou no nome de Conservas Daporta para amosar o orgullo que recompensa a súa colaboración cun evento «tan cualificado coma este». Tamén Carlos Carrión agradeceu, dende Paco & Lola, esta oportunidade de «continuar proxectando Galicia a través de todas as dimensións da cultura» que, na súa opinión, representa a cita estival baixo o paraugas da fundación.
O acto en si dará comezo ás doce do mediodía, cando La Ribot manterá unha conversa con Alberto de Juan, da galería Max Estrella, Mónica Maneiro Jurgo, directora artística da Fundación Didac, e o propio Manolo Paz. Unha hora máis tarde, Uxía será a encargada de trasladar a palabra ao eido da música. O seu concerto será o limiar para a entrega do recoñecemento. Como complemento, o obradoiro do escultor servirá de acubillo a unha mostra sobre o traballo da escenógrafa.
Asistir á xornada é completamente gratuíto, aínda que por motivos loxísticos é preciso confirmar presenza a través do correo electrónico xornadas@fundacionmanolopaz.gal. Toda a información sobre o labor da fundación e o espazo no que se desenvolve está accesible na web fundacionmanolopaz.gal. El mesmo, Manolo Paz, quixo afondar nun aspecto que ve esencial. Máis aló da implicación institucional (ademais do Concello de Cambados, tamén a Deputación de Pontevedra e a Xunta prestan o seu apoio) e o compromiso privado que conflúen nela, unha iniciativa desta natureza non podería cristalizar sen se constituír coma proxecto colectivo. A demostración de que «as cousas teñen sentido se son compartidas».